Alumnos da EAEM ofrecen hoxe un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago
As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo
Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.
“Historia dun soldado”
No marco deste programa, mañá luns, 8 de abril, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. Os asistentes terán a oportunidade de escoitar Historia dun soldado do compositor ruso Ígor Stravinski (1882-1971), un dos músicos máis relevantes do século XX. A batuta levaraa o mestre Maximino Zumalave e contarase coa colaboración do actor galego Xosé Barato como narrador.
Stravinski compuxo esta obra en 1917 a partir dun texto do seu amigo Charles Ferdinand Ramuz para tres actores, o soldado, o diaño e a princesa; e sete instrumentos, violín, contrabaixo, fagot, corneta, trombón, clarinete e percusión. O argumento está baseado nun conto popular ruso. Narra a historia dun soldado que, de volta a casa, atópase co diaño, que o engana para que lle cambie o seu violín -que representa a súa alma- a cambio dun libro que ten a virtude de predicir o futuro.
Novos concertos en abril e xuño
Dentro deste ciclo de concertos de “A Escola na Cidade”, están programadas novas actuacións os días 9 e 10 e abril. E no mes de xuño celebraranse un total de cinco concertos protagonizados tamén por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais, como colofón dos seus estudos.
Por outro lado, terá lugar o habitual concerto de fin de curso coa Real Filharmonía de Galicia, previsto para o día 6 de xuño no Teatro Principal de Santiago, baixo a batuta do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da EAEM e da Real Filharmonía de Galicia.