Chega a Santiago o documental que denuncia as políticas de espolio
No documental, que ten unha duración de 75 minutos, recóllense variadas testemuñas das agresións medioambientais contra as que están a loitar os diferentes colectivos cidadás
O documental Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas, dirixido por Xosé Antón Bocixa Rei, e estreado en Ordes a principios de febreiro, chegará hoxe luns, 8 de de abril a Santiago. O Teatro Principal da capital galega (Rúa Nova, 21) acollerá un pase gratuíto do audiovisual o luns ás 20:00 horas, para o que non é necesario retirar entrada nin convite previo e que está aberto a todas as persoas que desexen asistir. Ao rematar haberá un coloquio e micro aberto.
No documental, que ten unha duración de 75 minutos, recóllense variadas testemuñas das agresións medioambientais contra as que están a loitar os diferentes colectivos cidadás que integran a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre.
No filme enlázanse de xeito maxistral pezas musicais de grupos galegos, imaxes sobrecolledoras dos nosos ríos contaminados, da nosa terra e do noso aire, coas mobilizacións cidadáns en defensa do medio.
Todo a través da mirada e de entrevistas a veciños e veciñas, xente do ámbito da ciencia e a investigación, asociacións culturais e medioambientais que queren dar a coñecer unha realidade que estamos a padecer en Galicia e que se pretende agochar para beneficio duns poucos grupos de poder con intereses económicos claros que non respectan o dereito a un rural vivo e sostible, limpo.
Que é a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre?
“As empresas que buscan a riqueza dos seus accionistas a costa de atentar contra o medio ambiente e as persoas, ven en Galicia un filón”. Esta é a conclusión á que chegan numerosas plataformas veciñais que xurdiron por diferentes problemas mediambientais locais e que, tras coñecerse, viron unha problemática común á que facer frente. Da unión de forzas foi como xurdiu o ano pasado a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre.
Estas plataformas levan tempo traballando na denuncia de proxectos de eólicos mal planificados na comarca de Ordes; a mala xestión do lixo que fai Sogama no macrovertedoiro da Areosa e o novo vertedoiro en Lesta; a minaría agresiva en Mesía e Frades por parte de Erimsa; o proxecto para abrir unha nova mega mina de cobre en Touro-O Pino, cando as consecuencias contaminantes da anterior son palpables aínda hoxe e poñen en perigo, augas abaixo, até o futuro marisqueiro da ría de Arousa; os delitos mediambientais no vertedoiro da Grixoa-Miramontes e na planta de elaboración de tecnosolos (Santiago), contra os que xa se querelou a Fiscalía por incumprir prevencións e autorizacións; o proxecto de vertedoiro de residuos na antiga canteira da Casalonga (Teo); a contaminación do río Sar na comarca de Santiago; os fumes e danos dunha destileria en Rois; e a defensa das fragas de Catasos en Lalín fronte ás liñas de alta tensión.
Trátanse de diferentes problemas coas mesmas causas: Normativas permisivas co deterioro do medioambiente e falta de control por parte das Administracións para que as empresas cumpran coas medidas de proteción da auga, da terra e do aire.
A Rede está formada pola Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola Recuperación do Río Sar, Plataforma Casalonga limpa de residuos, Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago-Miramontes, Non aos parques eólicos na comarca de Oedes, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde, Comisión de seguimento da minaría e defensa do rural Mesía-Frades, Asociación de afectados polo vertedoiro de Lesta, Plataforma Salvemos as fragas de Catasós.