Falece unha muller tras chocar contra un camión en Teo
Como consecuencia do impacto, a única ocupante do turismo perdeu a vida e foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración para liberala
Unha muller faleceu esta madrugada nun accidente entre un turismo e un camión no concello de Teo, ao paso por Pontevea, pasadas as sete desta madrugada.
Foi un veciño que chamou ao 112 Galicia para informar da colisión. Como consecuencia do impacto, a única ocupante do turismo perdeu a vida e foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración para liberala.
Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos membros do GES de A Estrada e dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que só puideron confirmar o falecemento da condutora.
Tamén foron informados os Bombeiros de Ordes e Santiago, pero bastou o equipo estradense para rescatar o corpo sen vida da muller do interior do coche.
Ademais, os servizos de emerxencias contaron coa colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico para regular a circulación a garantir a seguridade mentres traballaban os efectivos de emerxencias.
Do mesmo xeito, solicitouse a intervención do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de retirar os restos provocados polo accidente.