jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Os pediatras galegos critican o modelo de pediatría de atención primaria en Galicia

Os pediatras galegos critican o modelo de pediatría de atención primaria en Galicia
Os pediatras galegos critican o modelo de pediatría de atención primaria en Galicia

O evento aborda no seu programa as primeiras medidas ante unha emerxencia en Atención Primaria; as patoloxías en endocrinoloxía máis frecuentes na consulta e cando derivalas

Os pediatras de Atención Primaria de Galicia celebraron onte a reunión anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria AGAPap.

Na súa inauguración oficial, Amparo Rodríguez Lombardía, presidenta da asociación, debullou algúns dos logros e das dificultades polas que pasa o colectivo, no seu obxectivo de ofrecer a mellor atención posible aos nenos e ás súas familias.

Entre os logros apuntou as taxas de vacinación maiores ao 90% e diminucións na prescrición de antibióticos, derivacións a urxencias ou nos ingresos hospitalarios e entre os pasos atrás apuntou que, no último ano, pasouse dun 12% de prazas ocupadas por non pediatras a un 13%, o que choca co grande obxectivo de conseguir que todos os nenos galegos teñan un pediatra de cabeceira.

Houbo tamén, desde a vontade de diálogo coa administración, críticas ao modelo de atención primaria en Galicia.

“Non atopamos no Modelo de Atención Primaria de Galiciaa resposta aos problemas que temos. Non hai medidas para solucionar a curto medio prazo a escaseza de profesionais, a cobertura das ausencias, a saturación das axendas… Necesitamos esas solucións xa. Estamos dispostos a seguir dialogando para atopalas e poder seguir ofrecendo a mellor atención aos nosos pacientes”, salientou a doutora Rodríguez Lombardía.

No edificio CINC da Cidade da Cultura, sede do encontro, xuntáronse un cento de profesionais.

Programa da reunión da AGAPap

O evento aborda no seu programa as primeiras medidas ante unha emerxencia en Atención Primaria; as patoloxías en endocrinoloxía máis frecuentes na consulta e cando derivalas; os aspectos legais sobre o menor que todo pediatra debe coñecer; ou a aprendizaxe miccional correcta e os síntomas no tracto urinario inferior.

A reunión comezou cun relatorio sobre “Patoloxía endócrino lóxica máis frecuente na consulta de atención primaria, cando e como derivar?a cargo da doutora Ana María Prado Carro, endócrina infantil no CHUAC da Coruña.

O doutor Iván Somoza Argibay,cirurxián infantil no CHUAC, encargouse do seminario “Aprendizaxe miccional correcto e manexo da sintomatoloxía do tracto urinario inferior”.

A súa sesión dividiuse en tres partes. En primeiro lugar expuxo unha introdución á aprendizaxe miccional correcto e un resumo da súa tese, na que realiza unha análise epidemiolóxica a nivel galego de problemáticas urinarias, hábitos de aprendizaxe miccional, causas escolares, dietéticas.... A continuación detívose no diagnóstico e tratamento destas patoloxías, das que presentou unha serie de casos clínicos. Por último, encarou a enurese ou incontinencia nocturna.

Pola tarde é a quenda de “Primeiras medidas ante unha emerxencia en Atención Primaria”, conYolanda Fernández Santervás,pediatra no Hospital Sant Joan de Deú (Barcelona) e directiva da Sociedade Española de Urxencias de Pediatría SEUP.

“As urxencias supoñen un importante número de atencións cada día na estrutura de atención primaria. Pero as situacións nas que o pediatra ten que afrontares unha auténtica emerxencia, ou situacións nas que está comprometida a vida do paciente, é pouco habitual na práctica clínica diaria e pode darse o caso de pediatras que pasen meses sen ver unha emerxencia real. Isto pode provocar unha falta de adestramento que comporte, ineludiblemente, a unha resposta non adecuada ante os escenarios se non se aplican medidas para evitalo.

Pero non debemos esquecer ou subestimar o feito de que unha situación de emerxencia pode darse en calquera lugar e o centro de asistencia primaria é un deles. E son moitas as patoloxías, como a parada cardiorrespiratoria, ou o status convulsivo ou o politraumatismo, nas que se demostrou que unha atención rápida, adecuada e de calidade mellora o prognóstico e a morbimortandade do paciente”, apunta a doutora Fernández Santervás.

Por último, no relatorio de clausura, Carmen González León, profesora de dereito civil na Universidade de Salamanca, abordará os “Aspectos legais sobre o menor de idade: o que o pediatra debe saber”.

A profesora González León centrarase nalgúns problemas relativos á protección do paciente menor de idade; como os criterios que se deben seguir para decidir cando os menores poden ser oídos, cando poden emitir o consentimento médico e cando poden acceder á súa historia clínica.

“A tendencia actual é a garantir ao menor a maior participación posible na súa asistencia sanitaria, pero facéndoo de forma que resulte compatible coa protección do dereito á vida e á saúde e co deber de coidado que os pais deben exercitar como titulares da patria potestade.

No eido sanitario non é o mesmo ser informado, ser oído, dar o consentimento médico ou acceder á historia clínica. A valoración da idade e a madurez que se esixen para consentir un acto médico susceptible de ter graves consecuencias ha de ser máis estrita que para outras actuacións en principio menos importantes, como recibir información ou acceder a toda ou parte da historia clínica”, sinala Carmen Gonzalez León.

Comentarios
Lo más