Plantexan a rehabilitación de 3.000 vivendas e a creación de 2.000 vivendas públicas
En rolda de prensa, o candidato á alcaldía de Santiago sinalou que son necesarias estas medidas ante a incapacidade do actual goberno na xestión de políticas de vivenda; o que se traduce na escasa oferta de aluguer, e trae como consecuencia un incremento considerable dos prezos
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, promete rehabilitar tres mil vivendas durante o próximo mandato, e promover a construción doutras dúas mil, protexidas, que se venderían a un prezo de “en torno aos cen mil euros”. Esperemos, sinalou Bugallo en rolda de prensa, “que unha parte importante sexa en réxime de aluguer con opción de compra, dándolle prioridade aos xóvenes, como xa se fixo, subliña, en distintos bloques de pisos da cidade durante o meu mandato”. En canto á rehabilitación, o obxectivo para o candidato é “recuperar o parque inmobiliario e facilitar a oferta de vivenda en réxime de aluguer”.
Son necesarias estas medidas, di, “ante a incapacidade do actual goberno municipal na xestión de políticas de vivenda”, que se traduce, engade, nunha “práctica desaparición da vivenda en réxime de aluguer” o que incrementa considerablemente o prezo. Sinala que hai moitas persoas que lle transmiten persoalmente, “que non atopan un piso de aluguer en Santiago, e teñen que ir vivir a Padrón, Bertamiráns, Milladoiro ou outras localidades. En gran medida, aclara, “nós cremos que isto é consecuencia da inactividade e da incapacidade municipal”.
Explica Sánchez Bugallo que o concello é propietario de parcelas para a construción de 500 vivendas protexidas, “pagadas, expropiadas e urbanizadas pola empresa municipal EMUVISA, en lugares como Volta do Castro, O Castiñeiriño, ou San Lázaro”. Amósase contundente: “non cumpren a súa finalidade. Nestes oito anos, o concello non promoveu a construción de ningunha vivenda protexida, o que é un exemplo de ineficiencia e inactividade”.
A política de rehabilitación de vivendas é outro dos temas que preocupa á candidatura de Sánchez Bugallo. Sinala o candidato que é “necesario estendela ao Ensanche, a todo o ámbito de Pontepedriña, non só á zona declarada ARI”, e en xeral, engade, “a outras zonas da cidade, a todos aqueles edificios de máis de 40 anos, especialmente os que non teñen ascensor, teñen que ser incluídos nos programas de rehabilitación”.
Visita a barrios
Sobre a visita aos barrios da zona norte de Santiago, Sánchez Bugallo agradeceu o acollemento dos veciños e das asociacións. Sinalou que, “puidemos comprobar que ao longo dos últimos anos fixéronse moi poucas cousas. A única que considero salientable é o Centro Sociocultural do Romaño, unha obra que engadiu, xa quedara orzamentada na súa etapa de goberno”. O resto, subliña “foi un tremendo exemplo de improvisación, de inactividade, e de incapacidade de xestión”.
Destaca Bugallo que, desde o ano 2017, están incluídos nos orzamentos municipais, “a reurbanización integral de rúas como Carlos Maside, García Lorca, Celso Emilio Ferreiro ou a rúa dos Irmandiños, cunha dotación orzamentaria de 2,1 millóns de euros”. Aclara que esta reurbanización foi unha das condicións do grupo socialista para apoiar os orzamentos. E explica, que a día de hoxe, “non se empezou ningunha destas actuacións” e que os 2,1 millóns de euros están no banco. Para Bugallo, “todo un exemplo de inactividade”. E continúa, “o que atopei, foi moitas zonas moito máis deterioradas que hai oito anos”.
Cita o parque de Monte de Deus “practicamente impracticable, e determinadas rúas que, ao non terse efectuados nin os investimentos previstos, nin as labores de mantemento e conservación, loxicamente, oito anos despois, o seu estado de deterioro é maior”. Rematou engadindo que se goberna, a súa candidatura, que se presenta baixo o lema Vamos Santiago!, priorizará estas actuacións con carácter inmediato, “xunto a outras máis que considera imprescindibles”. A vindeira semana, anunciou Sánchez Bugallo, estará no barrio de Fontiñas.
Fusión concellos
Na quenda de preguntas, e en resposta a valoración da fusión dos concellos de Teo e Ames, Sánchez Bugallo lembrou que “hai un candidato á alcaldía de Santiago que entrou hai catro anos con este tema. E en catro anos non me consta que se fixera nada, nin que se dera ningún paso”. O candidato á alcaldía sinalou que non lle parece “nin práctico, nin realista, nin oportuno, considerar a hipótese das fusións”. Iso o único que serve, engade, é “para que un se enfade e outros os tomen de broma”.
Segundo Sánchez Bugallo, no que hai que avanzar é “na comarcalización de servizos, e na creación dun ente supra-municipal que poida asumir a prestación de determinados servizos de forma conxunta para os concellos”. Concreta, “hai que avanzar na coordinación, por exemplo, dos planes urbanísticos, e de todos os proxectos de obras dos diferentes municipios”.
Como exemplo citou o “Plan sectorial de Infraestruturas” aprobado no 2003, sendo Bugallo alcalde, que incluía aos concellos de Ames, Santiago, Brión e Teo. Cre o candidato á alcaldía de Santiago que hai que recuperalo, xa que nos últimos oito anos apenas se deron pasos no avance deste plan. Avanzar, tamén, engadiu, “nos temas de coordinación e integración en materia de transportes. E en buscar fórmula de compartidas de prestación de determinados servizos públicos de auga e saneamento, ou en outros, como a recollida de lixo. Ten que ser unha colaboración positiva, participada e equilibrada entre todos os concellos. “O que non debemos xerar, finalizou Bugallo, “é unha sensación que nos leve unha posición de defensa ou rexeitamento por parte doutros concellos”.