jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Bugallo compromete dotar de saneamento e auga a todas as parroquias do rural de Santiago

Bugallo compromete dotar de saneamento e auga a todas as parroquias do rural de Santiago
Bugallo compromete dotar de saneamento e auga a todas as parroquias do rural de Santiago

Nun encontro que mantivo con asociacións de veciños das distintas parroquias de Santiago, xunto a membros da súa candidatura, tamén se comprometeu a crear unha concellería de Medio Rural.

O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo comprometeuse a dotar a todas as parroquias do rural de auga e saneamento nos próximos oito anos. Sería a través dun Plan de Investimentos, no marco do cal tamén se acometería a urbanización; e a mellora do equipamento e das infraestruturas de comunicación dos distintos núcleos de poboación. Tamén prometeu crear unha concellería de Medio Rural.

Sánchez Bugallo asumiu estes compromisos nunha reunión que mantivo con membros dunha ducia de asociacións do rural, no Centro Sociocultural da Gracia, no que tamén estaban presentes distintos membros da candidatura “Vamos Santiago!”: Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Marta Abal, José Manuel Pichel, Javier Fernández, e Begoña Rodríguez.

Sobre os servizos de auga e saneamento, que os veciños do rural consideran prioritarios, Bugallo sinalou que terían un custe de 52 millóns de euros, que se financiarían, dixo, con “aportacións do propio concello, a través de convenios coa Xunta e con outros concellos limítrofes, e a través do recadado pola xestión da rede”.

A concellaría de Medio Rural atendería as peticións do Consello de Medio Rural que, segundo explicou Bugallo, “funcionaría como órgano asesor do concello”. Estaría formado por unha representación da corporación; unha representación dos veciños; e contaría co asesoramento dos técnicos competentes, con voz pero sen voto. Sería este consello o órgano que canalizaría as demandas e prioridades das parroquias, que se acometerían a través do Plan de Inversións.

Sobre a recollida de lixo, Sánchez Bugallo sinalou que “se contemplará a mellora do servizo na zona rural no novo prego de condicións que se asine coa empresa concesionaria”. O actual, lembrou, “leva catro anos prorrogado e acábase de prorrogar un ano máis”. En resposta a unha pregunta dos asistentes, amosouse favorable ao peche do vertedoiro de Miramontes; e opúxose ao deposito de orgánicos neste tipo de vertedoiros”.

En canto ao transporte municipal di que “hai que convocar un novo concurso con carácter urxente”. O actual servizo, sinala “está obsoleto e caducado”. E engade: “buscaremos acordos coa Xunta e coas empresas concesionarias para garantir o servizo e a mellora do transporte nas distintas parroquias do rural”.

No encontro, os membros das distintas asociacións trasladáronlle a situación na que se atopan as parroquias. Destacaron o “abandono que sofren” e pediron que “non haxa diferenzas entre os servizos que se prestan na cidade e os que se prestan no rural”. Á reunión asistiron representantes dos veciños de Aríns, Angrois, O Eixo, Berdía, Laraño, Villestro, A Gracia, Bando, Enfesta, Grixoa, Marrozos, Figueiras, Coira e Zezar.

Comentarios
Lo más