Unha persoa excarcerada e outras tres feridas de diversa consideración nunha colisión múltiple en Vilaboa
Sucedeu sobre as 14:00 horas na parroquia pontevedresa de Santo Adrán de Cobres
Unha persoa foi excarcerada, e outras tres resultaron feridas de diversa consideración, ao verse involucradas nunha colisión entre dous turismos e un camión na N-554, ao paso pola parroquia pontevedresa de Santo Adrán de Cobres, en Vilaboa.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da chamada dunha persoa particular poucos minutos antes das 14:00 horas de hoxe. No seu relato, informaba que o accidente produciuse na estrada da ponte de Rande, dirección Pontevedra, e que se viron implicados dous turismos e un camión. Dous dos ocupantes dun dos coches quedaron atrapados tras o impacto e, segundo o alertante, un deles parecía estar ferido de gravidade.
Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, da Garda Civil de Tráfico, dos voluntarios de Protección Civil de Vilaboa e do servizo de mantemento das estradas.
Debido á gravidade do accidente, o 061-Urxencias Sanitarias considerou a posibilidade de mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago aínda que finalmente descartouse a intervención da aeronave polas condicións meteorolóxicas.
Unha vez rematada a labor de excarceración, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Morrazo confirmaron a liberación do condutor dun dos turismos sinistrados. Os demais ocupantes dos outros vehículos encontrábanse liberados e accesibles.
Finalmente, catro persoas feridas foron trasladas ao centro hospitalario de referencia polos servizos sanitarios de emerxencia.