Hoxe celébrase a reunión anual de AGApap, a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria
O xeito de encarar unha emerxencia; as patoloxías de endocrinoloxía máis frecuentes na consulta; os aspectos legais sobre o menor que todo pediatra debe coñecer; ou cuestións sobre o sistema urinario forman parte do programa
A Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria AGAPap organiza hioxe a súa a súa XIII reunión anual, no edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago. O acto inaugural desenvolverase ás 10:30 horas.
En palabras da súa presidenta, Amparo Rodríguez Lombardía:
“A nosa reunión sempre é unha cita importante, pois nos serve para actualizar coñecementos e poder asistir a relatorios e seminarios moi útiles, que nos serven a ser mellores pediatras e a atender mellor aos nenos e ás súas familias. Así, as distintas sesións deste ano espertaron interese entre todos os compañeiros.
Pero, ademais, este ano é especialmente relevante, xa que estamos nun momento moi sensible, con numerosos problemas nos centros e consultas de pediatría de atención primaria aos que non vemos que se lles estean a dar as respostas adecuadas”.
O evento de hoxe conta no seu programa con sesións dedicadas ás primeiras medidas ante unha emerxencia en Atención Primaria; as patoloxías en endocrinoloxía máis frecuentes na consulta e cando derivalas; os aspectos legais sobre o menor que todo pediatra debe coñecer; ou a aprendizaxe miccional correcta e os síntomas no tracto urinario inferior.
Programa da reunión da AGAPap
A reunión iniciarase cun relatorio sobre “Patoloxía endócrino lóxica máis frecuente na consulta de atención primaria, cando e como derivar? a cargo da doutora Ana María Prado Carro, endócrina infantil no CHUAC da Coruña.
O seminario “Aprendizaxe miccional correcta e manexo da sintomatoloxía do tracto urinario inferior” contará co cirurxián infantil Iván Somoza Argibay, tamén do CHUAC.
A continuación chegará a asemblea xeral da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria.
Xa pola tarde terá lugar o seminario “Primeiras medidas ante unha emerxencia en Atención Primaria”, con Yolanda Fernández Santervás, pediatra no Hospital Sant Joan de Deú (Barcelona) e directiva da Sociedade Española de Urxencias de Pediatría SEUP.
Tradicionalmente, o último relatorio nas reunións da AGAPap conta cun experto dun campo diferente ao da pediatría pero de interese para a súa profesión. Nesta ocasión, Carmen González León, profesora de dereito civil na Universidade de Salamanca, impartirá a conferencia de clausura “Aspectos legais sobre o menor de idade: o que o pediatra debe saber”.
Sobre a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria AGAPAP
A Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria naceu no 2005 para dinamizar e ilusionar o traballo dos pediatras de atención primaria, mellorar a calidade das súas condicións de traballo e dignificar a súa imaxe como profesionais cun alto nivel de formación.
Unha das súas principais metas é conseguir que todos os nenos galegos teñan un pediatra de cabeceira.
AGAPap, que conta con máis de 200 socios, forma parte da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap), pero actúa de xeito autónomo para alcanzares os seus obxectivos comúns.