Os furabolos representarán en El Corte Inglés a peza de teatro infantil A Fada Pirata de Carlos Labraña
Con esta representación teatral na que se incide na igualdade de xénero e a paixón polos libros, o Centro Comercial conmemora o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
Hoxe sábado, 6 de abril, ás 18 h, ó Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés Santiago acollerá o espectáculo teatral do grupo "Os furabolos" baseado na peza de teatro infantil A fada pirata de Carlos Labraña, na que se incide na igualdade de xénero e a paixón polos libros. Os interesados en asistir poden reservar praza na Librería Infantil, planta baixa.
A FADA PIRATA, é una obra teatral infantil/xuvenil ambientada nunha illa perdida no medio do mar e habitada por todo tipo de seres extraordinarios.
Din que existe unha illa perdida no medio do mar habitada por todo tipo de seres extraordinarios. Alí viven un trasno e mais un anano nunha cabana ao pé da praia. Todas as mañás saen co amencer na procura dalgunha lembranza que a marea deixase atrás, para entregarlla ao mandaricas daquelas terras, un mago rabudo e caprichoso. Ata o día, que atopan varado no areal un barco pirata cargado cun tesouro fabuloso que cambiará as súas vidas para sempre.
Elenco: Estefanía Bustabad, Pablo Nuñez e Carlos Labraña. Dirección: Os furabolos
Escenografía, iluminación e son: Paula Castro. Vestiario: Centro Dramático Galego. Música: Estefanía Bustabad.
Carlos Labraña (Cedeira, A Coruña, 1969) dramaturgo galego especializado en teatro infantil e arquitecto técnico, profesión que exerce na actualidade.
É un dos dramaturgos máis premiados da literatura dramática infantil galega. Comezou a súa relación co teatro asistindo aos cursos de técnica actoral impartidos pola actriz Fusa Guillén. Xuntos fundarían no ano 1988 o Colectivo Garola, dedicado á difusión do teatro infantil galego. Con este colectivo participou na escritura de numerosas pezas de teatro para nenas e nenos, entre elas: Ou segredo de Daniel (1988) e A escada (1994), ambas as premiadas na Mostra de Teatro Xeración Nós.
Participa activamente na promoción do teatro infantil galego a través de diferentes plataformas, como a Asociación de teatro infantil e xuvenil de España ( ASSITEJ), de cuxa directiva formou parte, a Asociación de Literatura Dramática Galega (DRAMATURGA), da que é socio fundador, ou a Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil ( GALIX), na que coordina un grupo traballo para a elaboración da Guía de Teatro infantil e xuvenil galego.
No ano 2016 fundou con Paula Castro o grupo de teatro Os Furabolos para levar a escena as súas obras, e no que desenvolve tamén a súa faceta como actor. Os Furabolos representaron ata agora: Estrelamar (2016), O Apalpador (2017), O Valo (2018) e A Fada Pirata (2019).