Bugallo comprométese a mellorar a accesibilidade dos edificios de Vite, a acondicionar o parque infantil, e a reurbanizar varias rúas da zona de Guadalupe
Son algunhas das promesas asumidas durante os encontros que mantivo coas asociacións de veciños Río Corgo, e Guadalupe-A Ponderosa, no que tamén estiveron presentes membros da súa candidatura, que se presente baixo o lema Vamos Santiago!
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, estivo, durante toda a xornada visitando os barrios da zona norte de Compostela, para, segundo dixo, “revisar as súas carencias e coñecer as necesidades dos veciños”. No encontro que mantivo coa Asociación de Veciños Río Corgo, comprometeuse a mellorar a accesibilidade dos edificios; a instalar “ramplas” paralelas ás escaleiras para as persoas con dificultades de mobilidade; e a impulsar, dentro do ARI, os proxectos de rehabilitación e instalación de ascensores.
Son compromisos que responden ás demandas da veciñanza, e que lle trasladaron mentres visitaban distintas zonas do barrio, acompañados doutros membros da candidatura, como Mercedes Rosón, Mila Castro ou Gonzalo Muíños.
Sánchez Bugallo, despois do que lle contaron os veciños, considera urxente cambiar as infraestruturas de auga e saneamento, que salvo na Av. Castelao, que se puxeron novas no ano 2010, o “resto son do ano 1971”. Prometeulles, ademais, un cambio na iluminación, que, sinala “nas zonas interiores está completamente obsoleta”. Na Avenida Castelao, considera “necesario substituír as luminarias por lámpadas “led”; e instalar unha marquesiña na parada de bus, tal e como lle trasladou a asociación.
Sobre o parque infantil que hai ao lado da gardería de Vite, comprometeuse a acondicionalo, concretamente a “substituír a area do chan por un cortiza e os elementos de madeira por outros de pvc, “máis seguros para os nenos”; e a limpar a maleza dos terreos situados detrás dos edificios.
Despois Sánchez Bugallo reuniuse coa Asociación de Veciños de Guadalupe A Ponderosa. O edil Gonzalo Muíños explicoulles que “tiñamos un Plan Director para Vite, cun investimento de máis de dous millóns de euros que permitiría, dixo “ reurbanizar varias rúas, entre elas Carlos Maside, subsanando os problemas de accesibilidade e o saneamento, xa que sinalou, “están a rebentar as tubeiras”. Outro investimentos era para a zona de Federico García Lorca, para “reurbanizar toda a rúa, e outras máis pequenas, como Irmandiños. “ E ese é o compromiso, engadiu, que adquirimos cos veciños.
A visita continuou en Vista Alegre, con membros da Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro, que lle transmitiron a súa preocupación por como están as rúas. Os montículos, din, dificultan o tránsito e a entrada aos garaxes. Destacan, ademais, a falla de aparcamento o que aseguran, está a prexudicar ao pequeno comercio.
A esta hora Sánchez Bugallo reúnese coa Asociación de Veciños Monte de Deus; e ás sete e media, xuntanza coas asociacións veciñais de Pontepedriña de Arriba e de Lermo no Centro Sociocultural do Romaño, que rematará cun paseo pola zona.