Padrón habilitará o "Bus Lila" para concienciar contra os abusos sexuais nas festas da Pascua
A concelleira de Igualdade, Lorena Couso, salienta que esta iniciativa pretende "xerar un cambio de actitude na sociedade e inculcarlle á cidadanía que tódalas persoas, con independencia do seu sexo, teñen o mesmo dereito a gozar das festas en liberdade, con tranquilidade e sen medo"
A Concellaría de Igualdade de Padrón, a través do Centro de Información á Muller, porá en marcha os días 20, 21 e 26 de abril unha iniciativa denominada "Bus Lila", que ten como finalidade concienciar á sociedade padronesa sobre a necesidade de combater as agresións sexistas e, en especial, sobre os dereitos das mulleres a gozar das festas en igualdade e sen temor a ser agredidas.
A concelleira de Igualdade, Lorena Couso, salienta que esta iniciativa pretende "xerar un cambio de actitude na sociedade e inculcarlle á cidadanía que tódalas persoas, con independencia do seu sexo, teñen o mesmo dereito a gozar das festas en liberdade, con tranquilidade e sen medo". Por iso, o lema "Teñamos a festa en paz" foi o escollido polo CIM de Padrón para rotular o "Bus Lila", que nas madrugadas dos días 20, 21 e 26 garantirá o retorno dos pascueiros ás súas casas tras unha noite de festa.
Ademais de instalar un "Punto Lila" de información, esta campaña consistirá en que un "Bus Lila" sairá o día 20 de abril ás 3.00 e ás 5.00 horas dunha parada situada a carón da Biblioteca Municipal para percorrer Padrón, Rois e Dodro realizando paradas a petición dos usuarios. O mesmo fará nas noites do 21 e do 26, estando programadas as saídas desde o mesmo lugar a carón da biblioteca para as 2.00 e as 4.00 horas.
Por outra banda, as Concellarías de Cultura e de Festexos adiantaron hoxe o lanzamento do Libro da Pascua 2019 a través das redes sociais do Concello e en formato dixital, se ben nos vindeiros días distribuirase impreso, como é costume.
Nesta edición, o libro inclúe un total de 17 artigos de colaboradores, que, entre outros temas, abordan os 20 anos da Oficina de Turismo de Padrón, varias semblanzas sobre persoeiros como Manuel Barros ou Avelino Abuín de Tembra ou senllos artigos sobre o achádego dun puñal da Idade de Bronce baixo as augas do río Ulla e sobre a Feira do Automóbil de Ocasión de Pontecesures, entre outros temas.