Bugallo inicia a súa xira política polos diferentes barrios da cidade
Vivir de preto os problemas e carencias tanto dos barrios como do rural, permitirá, segundo o candidato á alcaldía, deseñar políticas máis efectivas que dean solucións concretas e eficaces ás necesidades das distintas zonas de Santiago
Co obxectivo de coñecer os problemas e necesidades dos barrios, o candidato á alcaldía de Santiago comeza mañá unha serie de visitas semanais, dun día de duración, por distintas zonas da cidade. Este xoves, 4 de abril, estará, xunto a varios membros da súa candidatura, en Vite, Vista Alegre, O Romaño, Lermo, e Pontepedriña de Arriba. Segundo explicou Xosé A. Sánchez Bugallo, “a idea é pasar un día falando coas asociacións veciñais, coas ANPAS, coas entidades deportivas, coas comunidades de veciños”, para, continúa “tomar contacto coa problemática dese barrio e desa zona”.
Vivir de preto os problemas e carencias tanto dos barrios como do rural, permitirá, segundo o candidato á alcaldía, deseñar políticas máis efectivas que dean solucións concretas e eficaces ás necesidades das distintas zonas de Santiago. E quen mellor coñece esas necesidades son os propios habitantes dos barrios e os colectivos que os representan. Por iso, a candidatura Vamos Santiago! deseñou un programa de visitas, durante todo un día, que empeza mañá e continúa a próxima semana en Fontiñas.
A visita a Vite comeza ás dez e media da mañá, xunto á cafetería Itati, cun encontro con membros da Asociación de Veciños Río Corvo. Os membros da candidatura chegarán a pé ou en autobús, nunha clara aposta por incentivar o uso do transporte público. Despois, ás doce e cuarto, achéganse ao Centro Sociocultural de Vite; e unha hora máis tarde, manteñen unha xuntanza cunha representación da Asociación de Veciños de Guadalupe-A Ponderosa, para continuar cun paseo polo barrio.
A xornada de tarde comeza ás catro e media cunha visita a Vista Alegre xunto a membros da Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro. Ás seis, encontro coa Asociación de Veciños Monte de Deus; e ás sete e media, xuntanza coas asociacións veciñais de Pontepedriña de Arriba e de Lermo no Centro Sociocultural de Romaño, que rematará cun paseo pola zona.