miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Ames tínguese de azul co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

Ames tínguese de azul co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo
Ames tínguese de azul co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

A Casa do Concello de Ames iluminouse de azul onte pola tarde para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra cada 2 de abril

A Casa do Concello de Ames iluminouse de azul onte pola tarde para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra cada 2 de abril. Con este xesto, o Concello mostrou o seu apoio ao colectivo de persoas con trastorno do espectro autista. Asemade, dende o Concello anímase á veciñanza a participar na campaña “I ∞ autismo. Unha dinámica nova para o autismo”, impulsada pola Confederación Autismo España e a Federación Autismo Galicia. Esta iniciativa consiste en “facer o xesto” do símbolo ∞, inmortalizalo a través dunha foto ou vídeo, envialo a comunicacion@autismogalicia.com e compartilo nas RR.SS baixo o hastag #DiaMundialAutismo.

No ano 2007, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 2 de abril como o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, co obxectivo de poñer o aceno na necesidade de traballar en pos da mellora da calidade de vida das persoas con autismo como parte integrante da sociedade. Para conmemorar este día, as organizacións Autismo Europa , Autismo España e Autismo Galicia promoven unha serie de actividades para dar visibilidade a este tipo de trastorno.

Así, O Concello de Ames participou un ano máis na campaña de concienciación #LIUB, mediante a que edificios e monumentos de todo o mundo se iluminaron de azul como mostra de apoio e solidariedade con todas as persoas con TEA. O obxectivo neste 2019 foi que máis de 350 edificios en España se tinguiron de azul ao abeiro desta iniciativa mundial promovida por Autism Speaks (Light It Up Blue) , entre os que estivo a Casa do Concello de Ames, que se tinguiu desta cor a partir das 20.00h desta tarde.

Asemade, dende a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade anímase á toda a veciñanza a participar na iniciativa “I ∞ autismo. Unha dinámica nova para o autismo” que este ano, baixo o lema “Fai un xesto polo autismo”, convida a usar a imaxinación para representar o símbolo do infinito ∞ da maneira que cada un/unha desexe e inmortalizalo cunha foto ou vídeo. De seguido, deberase subir a foto ás redes sociais co hastag #DiaMundialAutismo, e envialo a comunicacion@autismogalicia.com . A Federación Autismo Galicia elaborará un vídeo co material que chegue ao dito enderezo.

Mediante esta campaña preténdese aumentar a conciencia social sobre o TEA para que a cidadanía saiba que todos podemos contribuír á inclusión das persoas con este tipo de trastorno con pequenos xestos, ao tempo que se busca concienciar aos dirixentes políticos sobre a necesidade de promover políticas centradas no respecto aos dereitos das persoas autistas. Neste senso, tamén se quere manifestar a importancia de que se aprobe e poña en marcha un plan de acción da estratexia en TEA, tanto a nivel europeo como español, no que se establezan os recursos necesarios e se fixe un calendario coas accións máis urxentes para mellorar a calidade de vida deste colectivo e as súas familias.

Así mesmo, entre os obxectivos do movemento asociativo encontrase o de promover a implantación total da Convención da ONU sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobado en decembro de 2006.

Comentarios
Lo más