Indignación pola censura dunha exposición literaria nun centro secundario en Cedeira
egundo a información obtida no centro, o inspector do centro, nun alarde de prepotencia e falta do mínimo rigor profesional, tería ordenado telefonicamente á dirección a retirada da exposición
A CIG-Ensino amosa o seu total rexeitamento á actitude manifestada pola Consellaría no caso da retirada da exposición literaria organizada pola Biblioteca Escolar do IES Punta Candieira de Cedeira. Non é a primeira vez que se dan actuacións por parte da administración ou mesmo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a raíz de denuncias anónimas, ben sexa por parte de persoal docente ou doutros membros da comunidade educativa, que violentan o normal funcionamento dos centros educativos.
Unha representación do sindicato trasladouse hoxe mesmo ao instituto cedeirés para obter toda a información sobre o acontecido e reunirse co profesorado afectado e co equipo directivo. Segundo a información obtida no centro, o inspector do centro, nun alarde de prepotencia e falta do mínimo rigor profesional, tería ordenado telefonicamente á dirección a retirada da exposición.
Foi a intervención posterior do xefe político da Consellaría de Educación, de novo a través do inspector do centro, o que provocou que, sen que desde o equipo directivo se cuestionase a legalidade da instrución recibida, finalmente se aplicase a censura sobre o material literario confeccionado polo alumnado do centro como froito dun traballo colectivo desenvolvido tras un taller literario.
A introdución deste tipo de “actuacións pseudopoliciais con denuncias anónimas, retiradas cautelares de obras artístico-literarias realizadas por parte da comunidade educativa e chamadas á orde” non poden ser de ningún xeito amparadas e mesmo impulsadas por unha administración que ten desde logo outras competencias máis importantes das que encargarse, e entre elas está a de velar porque se cumpran as liberdades profesionais, laborais e académicas do persoal docente e o fomento dunha educación en valores que forme a un alumnado con capacidade crítica para se desenvolver con liberdade e autonomía na nosa sociedade.