Sánchez Bugallo e membros da súa candidatura reúnense con membros da asociación de veciños “O Casco Histórico”
Asumiron o compromiso de renovar as infraestruturas e servizos públicos da zona; e recuperar a concellería de Cidade Histórica
O candidato á alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo comprometeuse, con “O Casco Histórico. Asociación de Veciños” a recuperar o Plan Director de Infraestruturas elaborado polo Consorcio da Cidade de Santiago no ano 2010, para a renovación de todas as infraestruturas e servizos públicos.
Nunha reunión que mantivo, xunto a membros da súa candidatura, con representantes da asociación, tamén asumiu o compromiso de buscar unha solución que permita, aínda que sexa provisional, a extensión da fibra óptica para todo o casco histórico.
Outro compromiso, a recuperación da concellería de Cidade Histórica con sede na antiga Casa do Concello, na Praza de Cervantes. Alí centralizaríanse os servizos de atención á cidadanía, e toda a tramitación administrativa relacionada co concello, incluídas as licenzas urbanísticas.
Tamén se comprometeu á recuperación da unidade de policía de barrio da Cidade Histórica, formada por axentes especializados e adicados a prestar servizo na zona monumental. Por último, amosouse favorable á creación dun Consello Municipal da Cidade Histórica, do que formarían parte representantes cidadáns e do asociacionismo, técnicos, e representantes políticos da corporación; que actuarían como órgano asesor da concellería de Cidade Histórica.
Na reunión, a representación de “O Casco Histórico. Asociación de Veciños” expresou o seu desacordo coa visión idílica que, ao seu xuízo, traslada o Plan de Xestión, en relación coa vida nesta zona de Santiago. Tamén trasladou á candidatura socialista as súas demandas en materia de rehabilitación, servizos públicos, estacionamento, así como a súa preocupación pola proliferación de actos de incivismo e contrarios á convivencia. Ademais de Sánchez Bugallo, no encontro coa asociación estiveron presentes Mercedes Rosón, Mila Castro e Gonzalo Muíños.