O Estrela toma a Estrada
O Estrela Vermelha masculino xa é lider a falta dunha xornada para o remate da Liga Galega, mentres que o feminino segue avanzando en segunda posición
Dobre vitoria das equipas compostelanas nos duelos co conxunto estradense. As mulleres do Estrela seguen coa súa notable racha de vitorias, nunha dinámica ascendente. Aínda que o partido comezou un chisco lento, en seguida ambas equipas demostraron a súa capacidade de crear ocasións. Segundo foi avanzando o tempo, as vermelhas foron distanciándose cada vez máis no marcador, fronte unha equipa ben plantada no terreo como foron as Irmandinhas. Ao remate do encontro, +13 para o combinado visitante e 2 puntos máis para as vermelhas.
Porén, nesta ocasión o partido decisivo era o que xogaban os rapaces. Irmandinhos da Estrada chegaba líder despois de meses de competición no máis alto da clasificación e o Estrela Vermelha, con só un punto menos, precisaba a vitoria para ter opcións de gañar o título. Partido emocionantísimo entre dous rivais que se coñecen á perfección e onde calquera detalle pode resultar determinante.
Os compostelanos estiveron en todo momento por diante no marcador, mais un par de accións ao final da primeira parte acenderon as alarmas; empate ao descanso.
A segunda metade foi un intercambio de puntos entre ambos conxuntos, mais o Estrela conseguiu chegar aos últimos 5 minutos do encontro cunha vantaxe de 7 puntos. Final non apto para cardíacos en que os locais tiraron de casta e lograron poñerse a un punto dos vermelhos. Vitoria visitante, mais mérito compartido.
Resultado final: Irmandinhos 3-12 (21) - Estrela Vermelha 3-13 (22).
Deste modo, o Estrela Vermelha masculino é líder da clasificación por vez primeira nesta tempada a falta dunha soa xornada para que finalice a Liga Galega. En menos de 7 días saberemos onde irá o desexado trofeo. O Estrela Vermelha feminino afianza a súa segunda praza, a tan só dous puntos das Herdeiras de Dhais de Lalín.
As dúas Ligas Galegas de fútbol gaélico o máis tensas posibles auguran uns últimos enfrontamentos inzados de emocións fortes.