Os alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, ofrecen un concerto hoxe sábado no Auditorio do centro
Dirixida polo mestre compostelán Maximino Zumalave, a actuación será gratuíta ata completar o aforo
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ofrece hoxe sábado, 30 de marzo, un concerto dos seus alumnos do Curso de Especialización Instrumental; que tocan o violín, a viola, o violoncello, o contrabaixo, a frauta, o óboe, o clarinete, o fagot, a trompa, a trompeta, o trombón e a percusión. A cita será no auditorio do propio centro, ás 21:00 horas, e as entradas serán gratuítas ata completar o aforo.
A actuación terá unha duración aproximada dunha hora. A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía de Galicia. E contarase tamén coa participación de alumnos convidados dos conservatorios de Galicia.
O público poderá gozar coa Sinfonía “O reloxo” de Haydn e cunha selección da obra “Rosamunda” de Schubert
Os xoves músicos comezarán coa interpretación da Sinfonía nº 101 “O reloxo” do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos máximos representantes do período clásico e coñecido como “o pai da sinfonía” pola súa aportación ao xénero. Esta é a novena das doce Sinfonías de Londres e é denominada popularmente como “O reloxo” polo ritmo de tic-tac do segundo movemento.
A continuación os asistentes terán a oportunidade de escoitar unha selección da obra Rosamunda do tamén austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do romanticismo musical. É unha das últimas obras do compositor. Trátase da música escénica para unha produción dramática que só se representou durante dous días; o fracaso do público levou a que se suspenderan as demais funcións. A partitura estivo desaparecida e atopouse de novo en 1861.