O CHUS celebra o 20 aniversario do NefroCHUS e rinden memoria ao nefrólogo Xosé Manuel Lens
O laboratorio NefroCHUS lidera accións estratéxicas para a abordaxe de grupos de enfermidades renais como a poliquistose renal, as glomerulopatías e enfermidade do túbulo intersticial
Os profesionais da xerencia sanitaria de Santiago e do IDIS participaron estos días na conmemoración do 20 aniversario do Laboratorio de investigación NefroCHUS coa celebración da Xornada Internacional de Enfermidades Raras: ciliopatías comúns e ultrarraras, ó que asistiron como ponentes as máximas autoridades mundiais nestas patoloxías. No mesmo acto, investigadores e clínicos quixeron render unha homenaxe a Xosé Manuel Lens, nefrólogo xa falecido, que foi o creador do laboratorio NefroCHUS
O Laboratorio de Xenética das Enfermidades Renais Hereditarias do IDIS reúne un equipo de investigadores e profesionais con anos de experiencia nacional e internacional no estudo das enfermidades renais hereditarias. O laboratorio centra o seu interese en entender os mecanismos xenéticos e moleculares que conducen á enfermidade renal, e para iso, tentan desenvolver ferramentas de análise rápida e eficiente. Desenvolven métodos de diagnóstico e modelos experimentais de enfermidade renal, para a identificación das vías de sinalización moleculares asociadas ás patoloxías renais, co obxectivo de alcanzar un mellor coñecemento da enfermidade e atopar posibles dianas terapéuticas para a mesma. Desde esta perspectiva, o grupo colaborou e colabora en proxectos que van desde a medicina clínica, a xenética ou a bioloxía básica molecular das patoloxías renais.
O laboratorio atópase dividido en dúas unidades: Unidade de Investigación: Grupo de Xenética e Bioloxía do Desenvolvemento das Enfermidades Renais, dirixida por Miguel Angel García González, experto en xenética e fisiopatoloxía das enfermidades renais. E a Unidade de Análise Xenética, NefroCHUS que estuda enfermidades renais hereditarias centrado no desenvolvemento de ferramentas capaces de identificar mutacións en xenes coñecidos.
NefroCHUS lidera accións estratéxicas para a abordaxe de grupos de enfermidades renais como a Poliquistose Renal, para as glomerulopatías e xa está a traballar na enfermidade túbulo intersticial. Ten pois unha vocación netamente traslacional e xa xerou 3 patentes das que 2 están licenciadas.
O grupo ten tamén un marcado caracter multidisciplinar e conta con moi diversos colaboradores nos diferentes proxectos de investigación, como médicos, biológos, xenetistas, bioquímicos, biotecnólogos, matemáticos, físicos, farmacéuticos, enfermeiras...
A xornada de ciliopatías
As ciliopatías son enfermidades provocadas pola alteración de xenes implicados na formación e sinalización dos chamados “cilios”, que son unhas protuberancias presentes nas células que teñen un papel sensorial moi importante, como antenas receptoras e transmisoras de información no funcionamento celular.
As ciliopatías son anomalías na formación dos cilios ou no seu funcionamento e intervén en diversas enfermidades como a Síndrome de Joubert, a síndrome de Meckel, a Síndrome de Bardet-Biedl ou a enfermidade poliquística renal, entre outras.
No encontro destes días, os máximos expertos mundiais en ciliopatías farán unha posta ao día sobre a actualidade neste grupo de patoloxías.
Memorial Xosé Manuel Lens
No encontro tamén se rendeu homenaxe a Xosé Manuel Lens, nefrólogo que desenvolveu gran parte da súa carreira na sanidade pública compostelá e fundador de NefroCHUS, que foi o primeiro laboratorio de investigación situado no Hospital Clínico, trala súa posta en marcha en 1999. Co inicio da súa andaina oficial continuábase o labor xa iniciado en 1991 cos seus primeiros estudos no eido da nefroloxía molecular.
Xosé Manuel Lens Neo naceu en Urdilde o 26 de xuño de 1957. Obtivo unha mención especial de ámbito estatal polas súas cualificacións en bacharelato de mans do entoces Príncipe de Asturias e posteriormente Rey de España. Licenciouse en Medicina pola USC en 1980. Realizou a residencia e especializouse en Nefroloxía no Hospital Clínic e doutorouse na Universidade de Barcelona en 1986.
Os resultados da súa tese doutoral “Control adrenérxico do potasio sérico na insuficiencia renal” dirixida polos doutores Jesús Montoliú e Lluís Revert foron publicados na revista Arquives of Internal Medicine no ano 1987. Este estudo constitúe unha cita obrigada na materia e está incorporada á bibliografía dos textos de referencia como o Tratado de Nefroloxía de Brenner. O seu traballo como investigador continúa no campo da nefropatía diabética e na progresión da enfermidade renal crónica no Hospital Clinic de Barcelona e posteriormente no Hospital de Lleida.
En 1990 regresa a Galicia e incorpórase como nefrólogo ao Servizo de Nefroloxía do Hospital Xeral de Galicia. Lens continuou coa súa inquietude investigadora pero aquí orientouse cara a un campo moi novo naqueles anos e de auténtica revolución do coñecemento: a xenética e a bioloxía molecular das enfermidades renais. En 1991 creou unha liña de investigación de xenética das enfermidades renais que consolidou realizando varia estancias no Johns Hopkins University School of Medicine en Baltimore, USA, e establecendo unha relación profesional e de amizade co Dr. Gregory Germino, referente mundial e actual vicedirector do NIH- NIDDK, relator nestas xornadas.
Combinou con gran dedicación a actividade asistencial, docente e investigadora. Conseguiu crear o primeiro laboratorio de investigación do hospital en 1999, logrando financiamento para máis de 30 proxectos de investigación e infraestruturas, formou investigadores pre e posdoctorales e participou en redes investigadoras de ámbito nacional e internacional. A súa actividade investigadora plasmouse en numerosos artigos, libros e teses doutorais de ámbito nacional e internacional (a última defendida a título póstumo).