Santiago acolle o X Congreso Nacional de Lantacia Materna
O Hospital Clínico de Santiago conta todas as mañás con talleres de lactación para as familias dos recentemente nados
Profesionais do Hospital Clínico Universitario de Santiago participan na organización do X Congreso Español de Lactación Materna, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de abril de 2019 en Santiago de Compostela. Uns 500 profesionais sanitarios e asesoras de lactación materna, nais e pais, reúnense para afondar na lactación materna no Pazo de Congresos Compostelá
“Baixo o lema Pingas de vida, fonte de saúde, queremos destacar o importante que é que os nenos e nenas sexan alimentados con leite materno tanto para a súa saúde, como para a das súas nais e de toda a sociedade en xeral”, subliña Diana Luque, matrona do Banco de Leite do Hospital público de Santiago e membro do comité organizador deste congreso, xa que “non aleitar provoca grandes prexuízos e priva de oportunidades para á saúde”, engade.
A Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e a Lactación (IHAN) organiza por primeira vez este congreso en Galicia. A IHAN foi lanzada pola OMS e UNICEF para animar aos hospitais, servizos de saúde e salas de maternidade a adoptar prácticas que protexan, promovan e apoien a lactación materna exclusiva dende o nacemento.
O xoves pola mañá terán lugar doce talleres precongreso dos que quedan poucas prazas libre e nos que se abordarán temas como a fotografía, o aleitamento en prematuros, habilidades de comunicación, control do crecemento, promoción da lactación durante o embarazo, terapias físicas, extracción de leite, sexualidade no postparto e lactación, comunicación creativa, alimentación complementaria, valoración dunha toma, casos prácticos ou situacións legais.
A conferencia inaugural correrá a cargo da prestixiosa psiquiatra Ibone Olza, quen disertará sobre a Importancia de preservar a neurofisioloxía do parto normal. A continuación trataranse temas tan relevantes como o Custo económico para o sistema sanitario; Ética e lactación ou O papel do pai na lactación, así como Prestacións por risco de lactación.
Ao día seguinte pola mañá, comezará coa lectura e defensa de pósters e a continuación abordaranse as Enfermidades metabólicas e a lactación, a Protección da lactación no lactante enfermo, a Transición da alimentación por sonda ao peito en prematuros, Fototerapia en bebés aleitados, Lactación en mulleres con enfermidades endocrinolóxicas, Indicacións e beneficios de extracción prenatal de costro, ou Como axudar a unha nai con lactación parcial a alcanzar lactación materna exclusiva, Nivel de cortisol no leite materno e a súa influenza no comportamento dos bebés.
Pola tarde, abordaranse temas como a Limpeza dos extractores de leite e tamén falarase da Morte e dolo perinatal, Doazón de leite materno trala morte fetal ou do fillo lactante, coa testemuña de nais que pasaron por esta forte experiencia e o que supuxo para elas o doar o seu leite. Para rematar presentarase o Proxecto “Amadrina a una primeriza”.
O último día rematará este intenso programa científico con tres mesas redondas nas que se presentarán resultados novidosos sobre investigación no campo da lactación materna: as Diferencias da composición do leite humano según o sexo do lactante, Secuenciación de DNA e RNA bacteriano no leite de mulleres con e sen mastite, e Leite materno no tratamento do cancro.
O sábado tamén terá lugar o encontro de familias e grupos de apoio á lactación materna que contará con relatores como Pilar Sebastián, Raquel Sarabia e Adolfo Gómez, durante o que se afondará na evidencia da eficacia do traballo dos grupos de apoio na promoción da lactación materna, o traballo entre grupos de apoio de nais e persoal sanitario, así como a importancia do contacto pel con pel da nai co seu bebé dende que nace de maneira ininterrompida.
Para finalizar, daranse a coñecer as últimas novidades da IHAN a nivel internacional, nas unidades neonatais, os centros de saúde IHAN e o informe WBTi España 2018.
Entre os relatores de recoñecido prestixio a nivel internacional conta coa presencia de profesionais como a enfermeira colombiana especialista en coidado crítico Zandra Patricia Grossó, a antropóloga Khate Hinde chegada dende Arizona, a investigadora no tratamento do cancro con leite materno Catharina Svanvorg ou o asesor en dereitos humanos da OMS Marcus Stahlhofer, chegado dende Xenebra e que será o relator da conferencia de clausura na que nos falará do cumprimento do Código Internacional de Comercialización de Sucedáneos de leite materno e a súa relación cos dereitos humanos.
Tamén haberá prestixiosos relatores e relatoras nacionais como Esmeralda Santacruz, Josefa Aguayo, Carlos González, Mª Rosario Valero, Paula Sánchez, Diana Álvarez, Adolfo Gómez Papi, Sonsoles Guadalix, Purificación Vicente, Adelina García, Beatriz Flores, Paul Richard Cassidy, Carmen Samaniego, Aythamy González, Alejandro Mira, Mª Teresa Hernández, Carmen R. Pallás, Francisco J. Soriano, Salomé Laredo.
Toda a información sobre o congreso pódese consultar na páxina web http://www.lactanciasantiago2019.es/.
Aposta pola lactación materna na xerencia compostelá
A xerencia sanitaria de Santiago de Compostela aposta debidamente pola lactación materna e ven desenvolvendo diferentes accións neste eido. Así, para darlle maior pulo a este cometido propiciou a constitución o pasado ano da Unidade de Lactación Materna. A área sanitaria compostelá puxo en marcha o primeiro banco de leite materna doado de Galicia e, e promove a formación continua específica dos seus profesionais con cursos semestrais. Conta cons dous salas de lactación materna, na planta de neonatoloxía e na de obstetricia e realiza talleres diarios sobre lactación para todas as nais cos seus bebés co obxectivo de mellorar o manexo nos primeiros días de lactación e nos posteriores.
Búscase principalmente apoiar ás familias con consellos prácticos e útiles para que logren unha lactación materna exclusiva e adecuada, xa que o leite materno é o alimento principal nos primeiros 6 meses de vida de forma exclusiva e acompañando a outros alimentos polo menos ata o ano de vida. Ditas salas permiten tamén extraer de forma optimizada leite humano daquelas nais que, principalmente nos primeiros días, precisan apoio para conseguir unha óptima lactación materna. Grazas á posta en marcha da ULMA, a taxa de lactación materna no hospital Clínico de Santiago é de 75.48 %.
Desde 2015 o Hospital Clínico de Santiago de Compostela conta coa fase 1D de acreditación IHAN (Iniciativa para a Humanización da Asistencia ao Nacemento e a Lactación) creada pola Unicef.
Banco de leite materno na xerencia compostelá
Posto en marcha en 2016, foi o primeiro de Galicia. Consta de toda a tecnoloxía e instalacións necesarias, con cámara de fluxo laminar, analizador de leite humano, conxeladores. O persoal que o atende realizou cursos específicos e estancias nos centros hospitalarios nacionais con máis experiencia neste ámbito para coñecer de preto o seu funcionamento.
O Banco de leite funciona como un centro especializado, responsable da promoción e apoio á lactación materna, e da recolección, procesamento, control de calidade e dispensación do leite de nai doada a calquera neno que a precise. Tanto a doazón como a dispensación son gratuítas. Este sistema permite dispoñer de leite humano en calquera momento e poder iniciar así a alimentación trófica a todos os nenos doentes ou prematuros, á espera de que as súas nais lles poidan dar o seu propio leite.
Ademais, asegúrase que tanto a extracción, procesamento e almacenamento, xa sexa da propia nai ou de nais doantes, se realice de forma segura posto que se trata dun produto biolóxico e, do mesmo xeito que ocorre coa doazón de sangue, precisa dun manexo experto que garanta a súa seguridade e a preservación das súas propiedades nutricionais e inmunolóxicas.
As doantes contan con asesoramento e o leite doado pasa por diversos controis. Unha vez aceptada, é etiquetada e almacenada a -20 graos ata a súa pasteurización, punto fundamental do procesamento, porque con el elimínanse os axentes infecciosos potencialmente transmisibles. Tras pasar este proceso, o leite conxélase, pendente da súa dispensación, durante un máximo de tres meses.
A utilización do Banco de leite está indicado principalmente por necesidades nutricionais, como a prematuridade, a síndrome de malabsorción, erros no metabolismo, nutrición postcirúrxica; terapéuticas, como diarrea intratable, déficit inmunolóxico ou transplante hepático; e preventivas, como enterocolite necrotizante, alerxia ás proteínas de leite de vaca, infeccións ou sepse.
Os beneficios do leite materno
A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que o leite humano sexa o alimento de elección durante os seis primeiros meses de vida dun bebé. Ademais, a través de distintos estudos realizados nos últimos anos demostrouse que a lactación materna protexe fronte ás enfermidades infecciosas causadas por virus, bacterias e parásitos ata que o sistema inmune do acabado de nacer se desenvolve por completo, e tamén doutras enfermidades a longo prazo, como a diabetes ou Crohn, entre outras.
Por outra banda, demostrouse que é o aporte nutritivo máis completo para un recén nado, é fácil de dixerir e produce menos ganancia de peso innecesaria. Tamén hai estudos que sinalan un efecto positivo da lactación materna na evolución cognitiva do neno. E en canto aos prematuros, está cientificamente probado que alimentalos con leite materna é mellor que facelo con fórmulas derivadas do leite de vaca e asóciase con maior supervivencia. Por todo iso, a OMS indica que cando non se dispoña de leite da propia nai, o leite pasteurizada de nais doantes seleccionadas é a mellor opción para a alimentación dos nenos, sobre todo si se trata de nenos doentes ou de alto risco.