O TSXG confirma a absolución de tres acusados do tiroteo do hospital de Ourense
Condenou a cinco anos de prisión a tres dos seis acusados de tirotear a dúas persoas coas que mantiñan enfrontamentos familiares na porta do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
A Sala do Civil e Penal do TSXG rexeitou o recurso presentado polo Ministerio fiscal contra a sentenza ditada pola sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense que condenou a cinco anos de prisión a tres dos seis acusados de tirotear a dúas persoas coas que mantiñan enfrontamentos familiares na porta do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo) o 15 de maio de 2016.
Os outros tres sospeitosos foron absoltos. O alto órgano xurisdicional galego conclúe, do mesmo xeito que a Audiencia, que esas tres persoas non portaban armas de fogo nin realizaron disparos.
Así, destaca que esa afirmación resulta “non só das súas declaracións desde un primeiro momento, senón que principalmente aparecen corroboradas polas testemuñas presenciais dos feitos, as cales do mesmo xeito afirman a participación dos tres acusados e condenados”.