Catro persoas feridas ao caer o seu vehículo por un barranco no Barco de Valdeorras
Para rescatar aos ocupantes do coche, foi necesaria a intervención dos bombeiros, xa que, o vehículo quedou pendurado dunha árbore e corría o risco de seguir caendo
Catro persoas resultaron feridas despois de caer co seu turismo por un desnivel de bastante profundidade cando circulaban pola estrada que une as parroquias de Alixo e Sobradelo, no Barco de Valdeorras.
Para rescatar aos ocupantes do coche, foi necesaria a intervención dos bombeiros, xa que, o vehículo quedou pendurado dunha árbore e corría o risco de seguir caendo. Malia ao impacto, as catro persoas resultaron feridas leves, aínda que igualmente foron evacuadas ao centro hospitalario de referencia.
O sinistro produciuse pouco despois das 19:30 horas da pasada tarde, cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada de auxilio dun dos ocupantes do turismo. Axiña, os xestores de emerxencias alertaron do sucedido ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Valdeorras, que tiveron que botar man do material de excarceración para estabilizar o vehículo e poder rescatar aos ocupantes.
Ademais, solicitouse a intervención e dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e dos membros do GES da localidade co fin de prestar a súa colaboración neste operativo.