Ribeira desvelará os tres deseños seleccionados para a construcción do novo Auditorio
Culminará deste xeito a primeira fase dun certame que acto seguido afrontará outro prazo de 30 días nas que os responsables das tres propostas deberán elaborar e presentar cadanseu anteproxecto
A punto de concluír xa a avaliación das 36 propostas presentadas ao concurso de ideas para a construción do futuro Auditorio Municipal de Ribeira, hoxe xoves ás 13:00 horas vai ter lugar un acto de acceso libre no salón de plenos do Consistorio no que, ademais de darse a coñecer os tres deseños seleccionados polo xurado, se abrirán publicamente os sobres para desvelar as identidades dos seus arquitectos ou estudos responsables.
Culminará deste xeito a primeira fase dun certame que acto seguido afrontará outro prazo de 30 días nas que os responsables das tres propostas deberán elaborar e presentar cadanseu anteproxecto (recibirán unha prima de 9.000 euros máis IVE por tal concepto) a fin de que o xurado decida o deseño gañador, que será o que se execute nunha parcela de 1.372 metros cadrados anexa ao parque do Centenario, no marco da EDUSI Máis Riveira Atlántica, financiada nun 80% polo fondo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
Cómpre lembrar que, de acordo coas bases do concurso, o edificio deberá constar dunha planta soto ou semisoto (equipada entre outras prestacións con camerinos e vestiarios e unha aula de ensaios ou usos múltiples debidamente insonorizada) e dunha planta Auditorio con hall/vestíbulo de entrada e dous niveis (patio de butacas e palco) cun aforo total mínimo de 450 espectadores.
Prevese ademais unha planta baixocuberta cunha sala polivalente e un corpo de aseos cunha superficie total de 200-220 metros cadrados.
A construción do novo Auditorio, para o cal se reserva unha partida de 2,5 millóns de euros, contribúe ao obxectivo temático 9 do POCS 2014-2020 “Promover a igualdade, a saúde e a inclusión social” e execútase na liña de actuación 16 da EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020 denominada “infraestruturas públicas culturais e sociais”.