Dúas persoas resultaron feridas a causa dun incendio que obrigou a desaloxar un edificio en Pontevedra
Todo ocorreu ás 23:30 horas de onte nun cuarto piso do número 82 da Rúa Eduardo Pondal
Dúas persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, tras producirse un incendio no interior da súa vivenda, en Pontevedra.
Os servizos de emerxencias procederon ao desaloxo do edificio de cinco plantas a causa do intenso fume acumulado nas zonas comúns.
Todo ocorreu ás 23:30 horas de onte, cando varios veciños chamaron ao 112 Galicia alertados por un fume que vían saír dun cuarto piso do número 82 da Rúa Eduardo Pondal, en Pontevedra. No interior había dúas persoas que resultaron feridas, un delas de gravidade, debido ás queimaduras sufridas durante o incendio e polo que foi evacuado ao Hospital Povisa de Vigo. Mentres, o outro ocupante da vivenda, que presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume, foi trasladado ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra.
Pola súa banda, os Bombeiros da cidade encargaronse da extinción do lume, que arrasou por completo o salón da vivenda. De momento, descoñécese a orixe do incendio, aínda que os efectivos de extinción apuntan ao sofá como o punto de máis intensidade.
Ademais, procederon ao desaloxo do edificio de cinco plantas co fin de protexer aos veciños do intenso fume acumulado nas zonas comúns. Cando remataron a súa intervención, os veciños puideron volver ás súas vivendas, agás algunha persoa que preferiu instalarse na casa de familiares.
Nestas tarefas tamén colaboraron os axentes da Policía Local.