miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Bugallo presenta a súa candidatura “capaz de afrontar os retos despois de oito anos"

Bugallo presenta a súa candidatura “capaz de afrontar os retos despois de oito anos"
Bugallo presenta a súa candidatura “capaz de afrontar os retos despois de oito anos"

Para a candidata Marta Abal, é necesaria unha xestión impecable e eficiente. “Non pode ser, engade, que o concello de Santiago teña máis de corenta millóns nas contas e non execute os seus compromisos”.

Renovación, ilusión, competencia, experiencia e compromiso. Son algúns dos adxectivos cos que Xosé A. Sánchez Bugallo definiu a candidatura socialista ás próximas eleccións municipais. Presentouse onte, na Sala Capitol, nun acto no que os protagonistas foron os 27 candidatos e candidatas. Trece mulleres e catorce homes, segundo Bugallo, “cun sentimento de inconformidade cos oito anos perdidos” e aos que “une o compromiso coa cidade e a capacidade para, xuntos, afrontar os retos que se presentan”.

Uns retos que os propios candidatos foron degrañando sobre o escenario. O déficit de goberno, que segundo Mercedes Rosón, número dous da candidatura, leva a unha parálise da cidade. E nesa liña, a necesidade dunha alternativa, un proxecto de futuro, ao que apelaba Gumersindo Guinarte, número tres na lista, na súa intervención.

Tamén é importante o traballo coas persoas máis desfavorecidas, ao que se refería Mila Castro na súa intervención; ou a necesidade de novas oportunidades para os xoves que Rubén Prol resumía dicindo que “Santiago non pode ser só unha cidade para estudar, para vir e para marchar. Ten que ser unha cidade para quedarse, para vivir e para ser vivida.

Entre as signaturas pendentes: actuacións nos barrios e no rural, imprescindibles, segundo Javier Fernández, para o desenvolvemento económico e social de Santiago. É hora, segundo José Manuel Pichel, “de atender as demandas tanto dos barrios como do rural, dun xeito eficaz e eficiente”. Adxectivos que Marta Abal considera clave para axilizar as demandas veciñais e os problemas da administración local. “Unha xestión impecable e eficiente, di, que pasar por traballar non só na mellora cualitativa e cuantitativa dos recursos humanos, senón tamén dos materiais, das novas tecnoloxías”. “Non pode ser, engade Marta Abal, que o concello de Santiago teña máis de corenta millóns nas contas e non execute os seus compromisos”.

Neste proxecto de cidade tamén é importante escoitar a voz da cidadanía e comprometerse. Asegurábao Gonzalo Muíños na súa intervención. Unha voz, a da cidadanía, que está moi presente en colectivos e asociacións. Afirma Jon Brokenbrow que “son redes inclusivas, que están sen aproveitar”. Utilizar estes canles de comunicación é moi importante para coñecer as inquedanzas, as necesidades e os problemas dos veciños e deseñar políticas que respondan as súas demandas.

O proxecto da candidatura de Xosé A. Sánchez Bugallo, tamén é un proxecto de futuro, un proxecto para as novas xeracións, que pasa, segundo Begoña Rodríguez, “por un Santiago limpo, sostible e atractivo, no que se realce o gran patrimonio de espazos verdes desaproveitados”. Que Compostela volva ser, como di Noa Díaz, unha “cidade chea de vida, feminista, inclusiva, que respecte e coide a diferenza. Con espazos para a convivencia, máis prazas de gardería e centros educativos mellorados”.

Unha cidade que, coinciden todos os candidatos, volva ser un referente a nivel institucional e a nivel galego. Neste momento, segundo Sánchez Bugallo estamos ante a “deriva á desesperada do actual alcalde, con decisións que se toman ou intentan tomar para maquillar o resultado dun mandato improdutivo e case rematado”. Con este equipo, continuaba Sánchez Bugallo, “non impediran que xuntos convertamos novamente a Santiago na cidade de referencia, na que nos miremos todos os galegos; con muller e igualdade, con cultura, con mocidade, con seguridade e calidade nos servizos, cunha administración moderna, áxil e eficaz. Unha cidade compartida cos máis desfavorecidos, cos retos dos Anos Santos 2021 e 2027 e con desenvolvemento urbano e a rehabilitación. Pero tamén con desenvolvemento económico e emprego, cun turismo ben xestionado, coa captación de novas empresas e co comercio. Porque, engade, unha cidade sen comercio é unha cidade morta”.

O acto rematou cunha foto de toda a candidatura. Faltaba Esther Pedrosa, que non puido estar presente fisicamente, pero si a través dun vídeo enviado desde Torun, en Polonia, onde está a participar no VIII Campionato do Mundo Máster en Pista Cuberta. A atleta, acaba de proclamarse subcampioa do mundo nas dúas probas nas que participou, 3.000 metros en pista cuberta, e oito quilómetros de cross. Os últimos triunfos dunha “campioa” que forma parte dunha candidatura gañadora, como a definiu Sánchez Bugallo.

Comentarios
Lo más