Críticas pola licitación por valor de 640.000 euros ás xestións dos tributos municipais
Os populares afirman que foron eles os únicos que municipalizaron os servizos municipais
A plataforma de contratación do Estado publicou antonte, día 25 de marzo, o anuncio de licitación para a xestión tributaria e recadación do Concello de Ames que engloba cuestións como as taxas do “Servizo no Fogar”, os culturais e deportivos, a “Escola Municipal de Música” os servizos de conciliación de “Bos días cole” e “tardes divertidas”, así como os relacionados coa apertura de establecementos, expedicións de licenzas urbanísticas ou o imposto sobre construcións e obras, entre outros.
O obxecto do contrato, que tería un valor superior aos 640.000 euros para dous anos, é xestionar unha parte moi importante dos recursos que, por estes e outros conceptos recada o concello e que non están xestionados pola Deputación de A Coruña.
"O Goberno Cuatripartito volve a recorrer aos servizos das empresas privadas facendo todo o contrario ao que se comprometera, demostrando así o que dende o Partido Popular de Ames se advertira en numerosas ocasións e deixando clara a incoherencia da esquerda, unha cousa e predicar e outra dar trigo", asegura a formación popular.
Os de Oliva Agra e Argibay afirman que foi o Partido Popular o que recuperou parte dos servizos xestionados polas empresas privadas e que foi a Deputación a encargala de xestionalos.
"Esta situación demostra que o Cuatripartito, en catro anos, non foi capaz de municipalizar ningún servizo, deixando de lado as súas cuestións programáticas e identitarias, dándose de bruces coa realidade" reiteran os do Partido Popular.