miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Máis de 200 actores participarán no IX Festival Galego de Testro Escolar de Touro

Máis de 200 actores participarán no IX Festival Galego de Testro Escolar de Touro
Máis de 200 actores participarán no IX Festival Galego de Testro Escolar de Touro

Participarán nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de cinco Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Laxe, Compostela, Palas de Rei e A Estrada)

O Salón de Plenos do Concello de Touro acolleu onte a presentación do IX Festival Galego de Testro Escolar de Touro que se celebrará o domingo, 31 de marzo, na aldea de Brandelos e na Casa de Cultura de Fonte Díaz e no que participarán 200 actores e actrices de cinco aulas de teatro. Esta cita coas artes escénicas está organizada pola ANPA do CPI de Touro e conta coa colaboración do Concello de Touro, o grupo As Nenas do Sapo Dourado, Loxo; a Asociación Cultural A Pinguela de Bama e a Banda de Música Isabel II de Touro. 

Na presentación participaron o alcalde desta vila, Ignacio Codesido Barreiro; a concelleira de Cultura, Victoria Pazos Pérez; a tesoureira e o president da Pinguela de Bama, Patricia Remeseiro Pazos e José Manuel Caneda; a representante das Nenas do Sapo Dourado, Anuncia Tarrío; o Presidente da Banda de Música, Manuel Rodríguez; o representante da ANPA, Javier Soto; a Técnica de Cultura, Cristina Andújar; o alumnado que protagoniza o roteiro e o director de teatro Afonso García Penas.

Participarán nesta xornada cultural máis de douscentos actores e actrices de cinco Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Laxe, Compostela, Palas de Rei e A Estrada). O programa deste Festival é o seguinte:

Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 11:00 horas na aldea de Brandelos, que estará protagonizado polo alumnado do CPI de Touro e polos grupos As nenas do Sapo Dourado, A Pinguela de Bama e nais do alumnado. Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión da cultura.

Ás 13:00 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Touro, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Escola Municipal de Teatro de Laxe, A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada, “Avelaíñas Teatro” e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo Vogando nos contos. Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade, o respecto… 

Este traballo de máis douscentos actores e actrices amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas equilibradas emocionalmente, autónomas e libres; pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren para habitar na auténtica esencia do ser humano; reivindica o valor do desenvolvemento de proxectos educativo colectivos…

Vogando nos soños supón, ademais, unha viaxe ao universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e desfrutar da maxia da creatividade que ilumina un camiño de marabillas que nos permite poñer ás e voar. Actrices e actores sobre un escenario onde habita unha utopía que, paseniñamente, se transforma en realidade, grazas ao traballo cooperativo de todo o grupo e que alimenta as raíces e os anceios de compartir a certeza de que a liberdade só é posible cando nos atrevemos a soñar un mundo máis xusto e libre. Máis feliz. Máis humano. Trátase, pois, dun espectáculo que pretende alentar o desfrute dos sentidos converténdoos en ferramenta subversiva que contribúa a cambiar o mundo. Voa, se queres. Constrúe o teu paraíso. Nós imaxinamos o noso. Un mundo que baila, que soña, que vibra… todo PARA TI! Arriba o pano!

Como peche a este espectáculo actuará a BANDA DE MÚSICA ISABEL II, de Touro.

Este Festival permite que o alumnado das cinco aulas de teatro interactúe e propicia que amose o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolveu ao longo do curso académico 2018/19 nas cinco localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 8 de febreiro no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Compostela, A Estrada, Laxe, Bologna, Florencia e Pisa.

Comentarios
Lo más