As obras da rúa Batalla Clavijo comezan levantando o firme da zona
A primeira fase comeza afectando ao tramo de rúa entre a Avenida de Lugo e Puente la Reina
Xa comezaron as obras de reurbanización da rúa da Batalla de Clavijo, nas que se van investir case 360.000 euros. A actuación está financiada con cargo aos fondos europeos do programa ReVive Edusi-Santiago.
A actuación, cun prazo de execución de seis meses, desenvolvese en tres fases: a primeira, nos meses de marzo e abril, afectando ao tramo da rúa comprendido entre a avenida de Lugo e Puente la Reina, así como ás escaleiras de Bispo Teodomiro; a segunda fase, que se executará nos meses de maio e xuño, comprenderá o tramo entre Puente la Reina e a avenida de Quiroga Palacios; e a terceira e última fase, prevista para os meses de xullo e agosto, incluirá o último tramo de Batalla de Clavijo, dende a avenida de Quiroga Palacios ata a rúa do Canteiro.
No primeiro tramo da rúa, entre a avenida de Lugo e Puente la Reina, mellorarase tanto o firme rodado como as beirarrúas, que serán ensanchadas; e reordenaranse as prazas de aparcamento para que non interfiran no itinerario peonil. Ademais, reconfigurarase o último tramo da escaleira de Bispo Teodomiro para permitir unha circulación máis cómoda e fluída.
En canto ao tramo que vai entre Puente la Reina e Quiroga Palacios apostouse por crear un espazo de convivencia entre peóns e vehículos. Neste tramo vaise elevar a calzada á cota da beirarrúa e reducirase o estacionamento, mentres que no tramo final da rúa de Batalla de Clavijo está planificado a eliminación dunha das dúas liñas de aparcamento en paralelo ou a mellora dos accesos aos garaxes.
O proxecto tamén contempla a renovación da rede de saneamento, así como a instalación de novo alumeado público en toda a rúa con luces LED, e a plantación de árbores ao longo de todo o tramo.
Está previsto que este proxecto se complete cunha Fase II que afectará á rúa de Puente la Reina e ás escalinatas de Cebreiro e Raíña Lupa, que serán financiadas con fondos propios.