Prohibida as queimas agrícolas e forestais dende hoxe polo alto risco de incendio
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación do tempo e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos
A partir de hoxe, luns, a Xunta establece a prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais en Galicia. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez dende o momento da prohibición.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación do tempo e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume en tempada de alto risco.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento. Ademais, a consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
INCENDIOS ACTIVOS
Un incendio forestal activo desde onte na mediodía na parroquia de Fitoiro, en Chandrexa de Queixa (Ourense), queimou unhas 20 hectáreas, segundo as estimacións provisionais da Xunta.
No control do incendio traballan dous axentes forestais, oito brigadas, dúas motobombas e catro helicópteros, segundo informa a Consellería do Medio Rural nun comunicado.
O incendio que afecta o parque do Xurés, no municipio de Lobeira, está controlado desde pouco despois das 13:00 horas
Segundo as estimacións provisionais do Goberno galego, neste incendio arderon 25 hectáreas, a maioría de monte raso. Na extinción deste incendio traballan tres axentes forestais, oito brigadas, seis motobombas e un helicóptero.