Antonio López, reitor da USC, estará no Ateneo explicando as relacións entra a universidade a u cidade
Antonio López Díaz, Licenciado e Doutorado en Dereito, foi elixido Reitor da USC en abril do pasado ano con máis do 60% dos votos
Hoxe luns o Ateneo de Santiago terá como convidado nas súas conferencias ao Reitor da Universidade Antonio López Díaz, cando está próximo a cumprirse un ano dende a súa elección para o cargo.
No transcurso do acto, que comezará ás 20.00 horas na sede de Afundación de Santiago (Rúa do Vilar, 19) así como na web e redes sociais do Ateneo, o Reitor explicará as relacións entre a Universidade e a cidade, analizando o avance experimentado nesta cuestión ao longo deste ano, o nivel de cumprimento das propostas presentadas no debate previo ás eleccións levado a cabo neste mesmo escenario e as accións a realizar no futuro.
Antonio López Díaz, Licenciado e Doutorado en Dereito, foi elixido Reitor da USC en abril do pasado ano con máis do 60% dos votos. Na USC desempeñou os cargos de Secretario da Comisión de Doutorado, Director do Departamento de Dereito Público Especial, Vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela, Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas e Decano da Facultade de Dereito. Ademais, posúe a insignia de ouro desta Universidade, foi Conselleiro Maior do Consello de Contas de Galicia e actualmente é membro da Asociación Española de Profesores de Derecho Financiero, da Asociación Española de Asesores Fiscales e da European Asociation of Tax Law Professors.