O ciclo “A saúde é o que importa” abordará esta semana os beneficios da balneoterapia
É unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, en colaboración coa Fundación Araguaney
A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia ten en marcha o ciclo “A saúde é o que importa”, destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Esta iniciativa conta coa colaboración da Fundación Araguaney.
A vindeira semana celebrarase en Santiago unha nova sesión deste ciclo, o mércores 27 de marzo, no salón Olivo do Hotel Araguaney, a partir das 20:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo. Comezará cunha mesa redonda na que se abordarán os beneficios da balneoterapia na patoloxía respiratoria de nenos, adultos e anciáns.
Como moderador desta mesa redonda actuará o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Nela intervirán os doutores José Domingo Moure González, especialista da Unidade de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); Antonio Golpe Gómez, xefe de Sección de Pneumoloxía do CHUS; e Antonio Pose Reino, xefe do Servizo de Medicina Interna do CHUS. Estes expertos manterán ademais un coloquio sobre este tema co público asistente.
O doutor Gestal sinala que a balneoterapia está especialmente indicada para abordar diferentes doenzas respiratorias, tanto en nenos como en adultos, como a bronquite crónica, asma, farinxite, larinxite, EPOC, alerxias, otite, xordeira infantil, sinusite, rinite... En función da patoloxía do paciente, empréganse diferentes técnicas como pulverizacións, nebulizacións, inhalacións, duchas nasais, exercicios na auga… ou mesmo unha combinación de varias.
Recoméndase un tratamento mínimo de nove días, tralo cal se obtén un efecto moi positivo a longo prazo. Os pacientes presentan unha notable melloría no seus síntomas, cunha diminución no número de recaídas ou brotes que padecen ao longo do ano e tamén unha redución na intensidade dos mesmos.
“A balneoterapia resulta de especial interese para os pacientes infantís, posto que aos beneficios do tratamento súmase a ausencia de efectos secundarios. O resultado é a redución na inxesta de antibióticos, de visitas médicas e de ingresos hospitarios e, en xeral, unha mellor calidade de vida” -asegura o doutor Gestal-.
No transcurso desta xornada proxectarase o documental “A balneoterapia na patoloxía respiratoria”, realizado no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica co propósito de divulgar os beneficios dos tratamentos termais de xeito didáctico. Este vídeo estreouse na derradeira edición da Feira Termatalia, que se celebrou o pasado mes de setembro en Brasil, e agora preséntase por primeira vez na nosa comunidade.