Feridas dúas persoas tras sufrir un accidente en Pontevedra
O xestores do 112 Galicia tiveron constancia dos feitos ao recibir unha chamada dunha persoa particular ao redor das 03:05 horas da madrugada de hoxe
Dúas persoas resultaron feridas esta madrugada despois de sufrir un accidente co turismo no que viaxaban e quedar atrapadas. O sinistro ocorreu na estrada de Pontevedra dirección Campo Lameiro, pasando o colexio de San Andrés de Xeve.
O xestores do 112 Galicia tiveron constancia dos feitos ao recibir unha chamada dunha persoa particular ao redor das 03:05 horas da madrugada de hoxe. No seu relato, o alertante indicaba que atopou un coche sinistrado con dúas persoas atrapadas e inconscientes no interior do vehículo.
Decontado, o persoal do Centro integrado de Atención ás Emerxencias puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Pontevedra, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e tamén dos voluntarios de Protección Civil.
Unha vez no lugar dos feitos, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que foi preciso excarcerar aos dous ocupantes do turismo, un deles ferido de gravidade e o outro inconsciente. Ambos foron trasladados polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.