Pablo Albo imparte un obradoiro de narración oral en Santiago
O obradoiro será hoxe sábado, 23 de marzo, a partir das 10:30 da mañá, cunha duración de 8 horas
No marco do Festival Atlántica, o alacantino Pablo Albo vai impartir o obradoiro de narración oral ‘Na procura do silencio’, hoxe sábado, 23 de marzo, en Santiago de Compostela. A actividade comezará ás 10:30 da mañá e terá unha duración de oito horas cunha pausa para comer. Os interesados en participar deben ter certa experiencia no mundo da narración oral
Trátase dunha oportunidade única para afondar no eido dos contos da man dun dos artistas nacionais máis reputados. No obradoiro ‘Na procura do silencio’ pártese da premisa de que o alumno leva certo tempo contando e coñece o valor das palabras. O que Albo propón nesta actividade e intentar descubrir a importancia do silencio porque “contamos ás veces con tanto barullo por dentro”.
O alacantino Pablo Albo, que nesta semana está a actuar en Lugo dentro do programa do Festival Atlántica, é un habitual dos encontros de narración oral. Iniciouse no mundo dos contos en 1994 e desde aquela xa percorreu contando historias case toda a xeografía nacional e boa parte do estranxeiro.
Na súa faceta de escritor ten publicados trinta e seis libros infantís e participou en cinco libros de contos para adultos. Entre os seus premios figuran o Lazarillo nas modalidades de creación literaria (2008) e de álbum ilustrado (2013), o Ciudad de Alicante (2003), o Villa dÍbi (2008) e o Leer es vivir (2009). Ademais, tres das súas obras apareceron no The White Ravens, a lista dos 250 mellores libros do mundo que realiza cada ano a Internationale Jugendbibliothek (Biblioteca Internacional da Mocidade) con sede en Munich.