Valentín García participou na presentación da nova revista da Semana Santa compostelá
O volume recolle a historia da Confraría dende a súa fundación ata o momento actual e dá a coñecer a diversidade de cultos e actos organizados ao longo do ano
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte pola mañá na presentación da nova revista Confraría da Humildade. Semana Santa 2019. 10 anos nas rúas de Compostela, unha publicación anual e gratuíta que edita a confraría compostelá por cuarto ano coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. García estivo acompañado pola secretaria da entidade, Rita Míguez.
O volume recolle a historia da Confraría dende a súa fundación ata o momento actual e dá a coñecer a diversidade de cultos e actos organizados ao longo do ano, máis alá da Semana de Paixón. As súas páxinas albergan imaxes da saída procesional, da Imaxe Titular – Nosa Señora da Humildade – e dos cultos e actos organizados pola Confraría. Presenta tamén o percorrido que realiza a Humildade cada Luns Santo, así como unha referencia ás datas, horarios e lugares de saída das 17 procesións que saen a rúa na Semana Santa.