Hernández comprométese a axilizar os trámites burocráticos a empresarios e emprendedores
Hernández tamén se comprometeu a facilitar a colaboración entre entidades como a USC e a Xunta de Galicia, co fin de avanzar na industrialización da comarca e para fixar tecido empresarial na capital de Galicia, o que redundará na creación de emprego e na mellora da economía santiaguesa
O presidente e candidato á alcaldía do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, mantivo onte unha reunión coa xunta directiva da Asociación Empresarial do Polígono do Tambre, onde asegurou que, de conseguir o apoio dos veciños de Santiago o vindeiro mes de maio, creará, no Concello de Santiago, unha dirección de área destinada a axilizar os trámites burocráticos aos empresarios e emprendedores.
Esta medida nace despois de escoitar e analizar as numerosas queixas dos distintos empresarios pola actual lentitude da Administración local santiaguesa á hora de sacar expedientes cara adiante. Os empresarios destacaron que son moitos os pasos que se teñen que dar para acadar unha licenza ou unha autorización, tanto para novos negocios, como para calquera modificación que se pretenda facer en empresas xa establecidas en solo santiagués.
Agustín Hernández subliñou que o seu equipo está traballar para que nas medidas que ten recollidas no seu contrato capital queden reflectidas todas as carencias que veñen denunciando os responsables dos diferentes sectores que leva meses consultando. Como exemplo, destacou a petición ao Goberno central da inmediata licitación do enlace Orbital e do enlace na N-550 para a conexión da AP-9, A-54 e as áreas empresariais do Tambre, Costa Vella e A Sionlla, que aprobou o Pleno do xoves grazas a unha iniciativa presentada polo Grupo Municipal Popular.
Durante a xuntanza, na que o dirixente Popular estivo acompañado da concelleira María Antón, escoitou de primeira man cales son as necesidades principais dos empresarios ubicados nesta área empresarial, que, entre outras, destacaron a definición dos accesos á Estación Intermodal desde a avenida Clara Campoamor; a importancia de rematar o aparcamento que se está levando a cabo na Sionlla; a ordenación do paso do Camiño de Santiago polas súas inmediacións; e as enormes deficiencias do transporte urbano co Polígono do Tambre, servizo que calificaron de moi precario e insuficiente.
Finalmente, Hernández tamén se comprometeu a facilitar a colaboración entre entidades como a Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia, co fin de avanzar na industrialización da comarca e para fixar tecido empresarial na capital de Galicia, o que redundará na creación de emprego e na mellora da economía santiaguesa.