A Mesa denuncia que o SERGAS non pon a disposición da cidadanía consentimentos informados en galego
O paciente interpuxo unha reclamación perante a Unidade de Atención ao Paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro, exixindo a posta á súa disposición dun consentimento informado para a intervención cirúrxica no prazo de 20 días hábiles
Un vigués denuncia que o pasado mes de febreiro pediu recibir o consentimento informado para a intervención cirúrxica á que ten que ser sometido en galego e tanto o médico responsábel como o departamento de administración do centro lle dixeron que era imposíbel.
Despois de asinalo en castelán, posto que era imprescindíbel para ser incluído inmediatamente no rexistro e non perder dereitos na lista de espera, o paciente interpuxo unha reclamación perante a Unidade de Atención ao Paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro, exixindo a posta á súa disposición dun consentimento informado para a intervención cirúrxica no prazo de 20 días hábiles, co fin de que non se vulneren os seus dereitos lingüísticos. Unha vez transcorrido o prazo sen recibir notificación ningunha, estuda emprender accións legais para defender o seu dereito a ser informado documentalmente na lingua da súa escolla.
O pasado ano, 2018, a Liña do Galego tramitou 303 queixas, das que un 12% estaban relacionadas co Servizo Galego de Saúde. Desde a entidade de defensa da lingua saliéntase que "a administración autonómica con funcións e competencias para garantir estes dereitos non só abdica da súa responsabilidade, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego".
"A Liña do Galego só recolle unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos son sistemáticas", lamenta a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas. "Este dato é máis unha evidencia dos pasos atrás que o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía. Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e respecta o galego, é precisamente quen máis a incumpre e vulnera", lamenta.