Os populares de Ames aseguran que o tripartito leva dende o ano 2016 sen convocar axudas ao comercio local
Os populares entenden que o comercio de proximidade debera ser unha das prioridades do Goberno, sobre todo nos núcleos de Milladoiro e Bertamiráns
Os populares fan análise en canto ao comercio local, sobre todo poñendo o foco nos núcleos de Milladoiro e Bertamiráns. É certo que cada vez, afortunadamente, os habitantes optan polo comercio local, pero tamén hai unha realidade innegable, a competencia, sobre todo no caso do Milladoiro, onde a proximidade á capital de Galicia provoca que os diferentes establecementos teñan problemas á hora de chegar ao seu público obxectivo. Neste senso, a responsabilidade recae, unha vez máis no propio Concello, que ao entender dos populares, debera destinar subvencións e unha campaña que amose as vantaxes de mercar no noso comercio.
Pero lonxe desta realidade, e con superávit nas contas municipais, segundo afirman os populares, o Goberno tripartito opta polos recortes. Argumentan que a pesar de que ano tras ano o Concello destina 3.400€, repartidos entre os premiados, para fomentar o consumo no comercio local nas festas de nadal; o Goberno leva dende o ano 2016 sen convocar as axudas para a promoción.
Para os populares a contía dos premios de Nadal, centrados nos escaparates é mais ben escasa, tendo en conta o número de comercios que hai actualmente tanto no Milladoiro como Bertamiráns, pero a pesares disto, recoñecen que é mellor que nada. Pero realmente, e buscando desestacionalizar, a subvención realmente importante para o pequeno comercio estaba, nun pasado, nas subvencións de promoción económica ás asociacións, que contaban cun orzamento de 34.000€.
Dita subvención, que alcanzaba ata un máximo do 80% de dous grupos de actividades, incluía a “promoción comercial”, na que se incluían cuestións como a comunicación, publicidade, animación ou exposición entre outras; e “infraestrutura e equipamento”, que incluía a adquisición de mobiliario, softwares, páxinas web así como o propio aluguer.
Collendo como referencia a modificación do segundo plan estratéxico de subvencións do Concello, as contas certifican todo o recollido anteriormente. Os populares informan que ao consultar as subvencións de fomento do comercio local pódese ver como no ano 2017 a contía destinada era de 40.000€, para facer fronte economicamente á última subvención, a do 2016. Pola contra, a sorpresa está no presente ano 2019, no que a contía baixa ata os 25.000€, é dicir, un 62,5% menos.
Xa por último, dende o Partido Popular amosan a súa preocupación polas pequenas e medianas empresas e demandan que o Goberno tripartito dea explicacións do seu recorte a un colectivo que debera ser unha prioridade tanto polo propio crecemento do Milladoiro e Bertamiráns como pola prestación de servizos á veciñanza que vai en aumento ano a ano nestes núcleos.