O Ateneo condena os atentados ao patrimonio de Santiago
Os ateneístas consideran que non hai ningunha xustificación que explique tales actuacións
A Asemblea Xeral do Ateneo de Santiago, celebrada onte, condena os atentados con graffiti contra o patrimonio cultural rexistrados na última semana que afectan, unha vez máis, á catedral de Santiago, á igrexa de Santa Susana e a elementos da cidade histórica, declarada Patrimonio Cultural da Humanidade dende 1985.
Os ateneístas consideran que non hai ningunha xustificación que explique tales actuacións, apelando ao civismo dos composteláns e reclamando accións de protección que permitan a conservación destes valores culturais.
Na citada Asemblea, o Ateneo aprobou os presupostos para este ano e debateu os problemas derivados da falta de espazo no local habitual da Rúa do Vilar para atender ao público que habitualmente acude aos “Luns do Ateneo”.