Conferencia do académico Carlos García Gual no IES Antonio Fraguas
Terá lugar hoxe ás 10:45 horas para o alumnado
O IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela acolle no seu salón de actos a conferencia «La Odisea de Homero» que impartirá o prestixioso académico e helenista Carlos García Gual, hoxe venres ás 10:45 horas. Esta charla, organizada desde o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares do instituto compostelán, é posible gracias ao Plan de Fomento da Lectura «Leer te da vidas extra», organizado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, dependente do Ministerio de Cultura e Deporte. O seu programa «Por qué Leer a los Clásicos» promove que un especialista acuda a centros educativos co fin de ofrecer unha charla sobre unha obra literaria considerada clásica nun sentido amplo.
Nesta ocasión, a obra escollida é a Odisea de Homero, a epopea que narra as múltiples aventuras que viviu o heroe grego Odiseo desde o final da Guerra de Troia ata o seu retorno definitivo á súa patria na illa de Ítaca. A conferencia está dirixida a alumnos de 1o e 4o de ESO e 1o de Bacharelato, e tamén a un grupo de rapaces do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela. Previamente, o alumnado preparou cos seus profesores a súa asistencia á charla a través da lectura e do estudo de traducións e adaptacións da Odisea.
O escritor, filólogo, tradutor e crítico literario Carlos García Gual, é catedrático de filoloxía grega da UCM e en novembro de 2018 foi escollido para ocupar a cadeira J da Real Academia Española. É un recoñecido experto na literatura e filosofía da antigüidade clásica e é autor de infinidade de libros e artigos sobre temas como a literatura clásica e medieval, a filosofía grega e a mitoloxía, entre outros moitos, entre os que destacan Los orígenes de la novela (1972), Epicuro (1981), Mitos, viajes, héroes (1981), La secta del perro (1987), Introducción a la mitología griega (1992), Diccionario de mitos (2003), Sirenas. Seducciones y metamorfosis (2014) e Grecia para todos (2019).
Entre as múltiples distincións que lle foron outorgadas cómpre salientar o Premio de tradución Fray Luis de León (1978) e o Premio nacional de tradución polo conxunto da súa obra (2002). García Gual é un profundo coñecedor da obra de Homero, cuxa Odisea traduciu para a editorial Alianza.