miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Arredor de 250 atletas participarán este sábado na XVII edición do Duatlón Cidade de Santiago

Arredor de 250 atletas participarán este sábado na XVII edición do Duatlón Cidade de Santiago
Arredor de 250 atletas participarán este sábado na XVII edición do Duatlón Cidade de Santiago

A proba será clasificatoria para o Campionato Galego de Duatlón e participarán arredor de 250 atletas de distintos clubs de Galicia

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou os detalles do XVII Duatlón Cidade de Santiago e do XX Duatlón Escolar. Na rolda estivo acompañada por Ramón López, membro do Club Triatlón Santiago Arcade Inforhouse, organizador da proba, e por Pablo Cabanelas, da Federación Galega de Triatlón.

A proba será clasificatoria para o Campionato Galego de Duatlón e participarán arredor de 250 atletas de distintos clubs de Galicia. A deste sábado é unha das probas con máis prestixio do circuíto "pola súa dureza no ciclismo, e por iso adoita congregar numeroso público e tamén moitos duatletas participantes", segundo indicou Noa Morales.

A proba comeza ás 15:30 horas e transcorre polas inmediacións do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro. A esa hora comezará o Duatlón Popular, no que as persoas participantes terán que percorrer unha distancia de 2,5 km a pé, 13 km en bicicleta e 1,25 km a pé. A saída, boxes e meta estarán situados nas inmediacións do estadio e a carreira de ciclismo discorrerá pola estrada que vai dende o estadio á base da subida ao Monte do Gozo.

O Duatlón Absoluto comezará coa proba sen corte ás 16:15 horas e dará paso aos clasificatorios ás 17:45 (masculina) e ás 17:55 (feminina). Neste caso a distancia que teñen que percorrer son 5 km a pé, 20 en bicicleta e outros 2.500 metros a pé. A saída, boxes e meta estarán situados nas inmediacións do estadio e a carreira de ciclismo discorrerá pola estrada cara ao Monte do Gozo.

Duatlón escolar

Pola mañá, o club organiza a edición número XX do Duatlón Escolar, que terá carácter clasificatorio provincial. Estímase que participen arredor de 300 nenos e nenas repartidos en catro categorías pertencentes a colexios e clubs da provincia.

A primeira proba que se disputará é ás 10:30 horas, coa categoría benxamín, aos que seguirán alevíns, infantís e, finalmente, cadetes. O circuíto das catro categorías escolares discorre polas inmediacións do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro. A entrega de premios será a partir das 13:30 horas.

Premios

Na proba popular Supersprint haberá trofeos para os/as tres primeiros/as clasificados/as nas competicións absolutas e medallas para as tres primeiras persoas das categorías infantil, cadete, júnior, veterano 1, 2 e 3.

Na proba do Circuíto Galego haberá premios económicos para os ganadores da proba feminina e masculina con corte. O e a primeira clasificada levarán 150 euros e unha bolsa de produtos Nutrisport, os segundos clasificados 100 euros e unha bolsa de produtos Nutrisport e o terceiro e terceira 50 euros e unha bolsa de produtos Nutrisport. Tamén haberá premio de 200 euros para o primeiro club.

Comentarios
Lo más