As augas da praia de Castro darán cabida ao Campionato Galego de Windsurf
Organizado polo club local Catro Ventos, terá lugar do 22 ao 24 de marzo
As augas da praia de Castro van dar cabida esta fin de semana ao Campionato Galego de Windsurf con previsión de participación de entre 40 e 50 deportistas. Así se informou durante a súa presentación hoxe no consistorio local nun acto que contou coa participación de Juan Parada e Mingos Armental en representación do club organizador, Catro Ventos, con sede en Castiñeiras; do alcalde Manuel Ruiz e do concelleiro de Deportes Anxo Orellán.
Tal e como explicou Juan Parada, en outubro pasado o club plantexouse o reto de organizar este campionato galego, que terá catro modalidades: fórmula, raceboard, bic techno e escola. O percorrido será de barlovento a sotavento cunha distancia de 200 metros entre balizas. As tres primeiras categorías darán dúas voltas ao percorrido; e a de escola, unha.
Nomeou como windsurfistas xa anotados a Juan Bieito Cobián, oitavo no mundial de fórmula, así como o seu irmán Tomás Bieito, regatista preolímpico. Na modalidade de raceboard destaca Juan Portela, técnico da Federación Galega de Vela. As inscricións péchanse este mércores.
Horarios
O venres 22 estará reservado para os adestramentos libres en tanto que o sábado 23 as probas arrancarán ás 13 horas se a meteoroloxía o permite (a hora límite para poder principiar son as 17 horas) e o domingo 24, ás 10.30 horas (hora límite: 16.30 horas). Este último día farase a entrega de trofeos ás 18.30 horas.
Os membros de Catro Ventos agradeceron aos patrocinadores e colaboradores e ao propio Concello o seu apoio. Pola súa parte, Manuel Ruiz agradeceu ao club non só a organización deste certame senón tamén ser un “motor” para a práctica do windsurf no noso concello.
Neste senso, Mingos Armental incidiu en que a entidade naceu no 2015 e a día de hoxe conta xa con 53 socios: “Imos crecendo e cada vez facemos proxectos máis importantes”, sinalou, ao tempo que salientou a idea de potenciar a canteira.