Os rapaces de Agro do Muíño colaboran na prevención de incendios en Ames
Nesta terceira fase 52 persoas solicitaron adherirse a dito plan, polo que se está actuando en 52 fincas que suman unhas 4 hectáreas de terreo forestal
A brigada de repoboación forestal do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Medio Ambiente, está inmersa nos traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de liñas secundarias para a xestión de biomasa definidas no plan de medidas preventivas fronte incendios forestais no período 2018-2019.
Nestes traballos colaboraron uns 75 rapaces e rapazas das aulas de terceiro de primaria do CEIP Agro do Muíño. Este ano estase actuando en fincas dos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). Trátase de plans de actuación bianuais. Nesta terceira fase 52 persoas solicitaron adherirse a dito plan, polo que se está actuando en 52 fincas que suman unhas 4 hectáreas de terreo forestal.
Na actualidade, o persoal da brigada de repoboación forestal do Concello de Ames está facendo a plantación das árbores elixidas polos propietarios das fincas. Nestes traballos colaboraron 75 rapaces e rapazas das tres aulas de terceiro de primaria do CEIP Agro do Muíño, que se achegaron ata un finca do lugar de Ventosa, situada na parroquia de Covas.
Alí o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, a técnica municipal, Patricia Reboreda, e os membros da brigada de repoboación forestal, explicáronlles a importancia do aproveitamento do monte, así como en que consiste o plan municipal de prevención de incendios forestais. O alumnado estivo axudando na plantación de castiñeiros.
Para a plantación de árbores frondosas caducifolias tense en conta o terreo onde se van plantar. Así, non se plantaron as mesmas especies na parroquia de Piñeiro que as que se están plantado agora en Ventosa. Nesta anualidade estase apostando pola plantación de castiñeiros, noceiras, cerdeiras, carballos, abeleiras, bidueiros, freixos, ameneiros e pradairos. Nesta terceira fase 37 persoas solicitaron adherirse a dito plan, polo que se está actuando en 37 fincas que suman unhas 4 hectáreas de terreo forestal.