Agustín Hernández anuncia que asinará un contrato coas 27 medidas que "sacarán" a Santiago do "abandono ao que o ten afundida Compostela Aberta"
Resaltou tamén que estas medidas “servirán para encarar os vindeiros Xacobeos, tanto o de 2021, como o de 2027, motivo este polo que escollemos o número 27 como a cifra das nosas medidas, tamén elixido porque 27 serán os veciños que integren a nosa lista”
O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, anunciou en rolda de prensa que nos vindeiros días asinará un contrato con 27 medidas que servirán para “construír un Santiago que se a lonxe dodesleixo ao que o ten afundida Compostela Aberta desde hai catro anos”.
Hernández explicou que, “cando quedan so 69 días para as eleccións municipais, é un bo momento para facer un balance da intensa oposición que lle vimos facendo ao Goberno de Martiño Noriega”. “Este balance é o que teñen feito os veciños, que se resume na imaxe dunha cidade que presenta a súa peor cara”, remarcou.
Así, concretou Agustín Hernández, “agora pechamos un mandato municipal frustrante, cunha total falta de proxecto e de rumbo, polo que o Partido Popular está seguro que, máis que nunca, é necesario desprenderse desa néboa que non nos deixa vivir o noso Santiago, para saír deste bucle, nos vindeiros días, asinarei de forma solemne un contrato coa cidade, un contrato capital, con 27 cláusulas”.
Nestas 27 medidas están incluídas as tres que xa foron presentadas como son a de a maior baixada de impostos da cidade na súa historia; o novo aparcamento da avenida da Coruña, que suporía a recuperación do Campus Sur; e a demolición, este mesmo ano, da Casa da Xuventude, para abrir e recuperar o parque de Belvís”.
Agustín Hernández resaltou tamén que “estas cláusulas son imprescindibles para recuperar a ilusión e servirán ademais para encarar como se merecen os vindeiros Xacobeos, tanto o de 2021, como o de 2027, motivo este polo que escollemos o número 27 como a cifra das nosas medidas, tamén elixido porque 27 serán os veciños que integren a nosa lista”.
Pasotismo e inoperancia
Durante a súa intervención, o candidato Popular subliñou que o único que se pode pedir é que o “señor Noriega se marche e hai que facelo por moitas razóns, entre elas, pola súa inoperancia, polo seu sectarismo e polo seu pasotismo”.
Para Hernández, “neste momento Santiago atópase abandoado, cunhas zonas verdes sen o mínimo mantemento, cun transporte público sen vehículos novos, que están agardando por un novo contrato que non chega; cunha limpeza viaria e recollida de lixo totalmente obsoleta; e cun Casco Histórico abandoado a súa sorte, onde ninguén fixo nada por aprobar o seu Plan Especial, imprescindible para a súa correcta evolución”.
Está claro que o Goberno de CA non foi quen de collerlle o pulso á cidade, explicou o dirixente Popular, e a consecuencia é que “a capital de Galicia vive atrapada entre contratos vencidos; licitacións anuladas, retrasos nos expedientes, o esperpento dos comedores escolares; a improvisación e falta de planificación; as obras inacabadas; a incapacidade de atender o día a día da tramitación municipal; o malgasto de cartos públicos en contratos menores, a maioría deles innecesarios; a entrega do patrimonio municipal a colectivos opacos e a desaparición do Consorcio, entre outras cousas.