Rescatan a un menor que quedou atrapado no oco dun ascensor no Carballiño
O Centro de Emerxencias puxo en marcha un operativo no que participaron ademais do persoal sanitario, os Bombeiros do Carballiño, a Garda Civil, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil
Un menor foi rescatado despois de caer polo oco dun ascensor dun edificio en obras situado moi preto da estación de tren do Carballiño (Ourense).
O suceso ocorreu pasadas as 18:15 horas da tarde de onte. Foi a esa hora, cando os amigos do menor que, neses intres, se atopaban con el, deron a voz de alarma ao 112 Galicia. Decontado, o Centro de Emerxencias puxo en marcha un operativo no que participaron ademais do persoal sanitario, os Bombeiros do Carballiño, a Garda Civil, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil.
Debido á gravidade da situación o helicóptero medicalizado do 061-Urxencias Sanitarias, con base en Ourense tamén se desprazou ata o lugar dos feitos, aínda que unha vez rescatado, o menor puido ser trasladado nunha ambulancia polo persoal sanitario.