Gran partido sen recompensa para o Santiago Futsal
Os composteláns partían cunha vantaxe de 13 puntos sobre o descenso e a só 2 do playoff, o que lles permitía afrontar o encontro coa ilusión de conseguir algo que recompensase todo o esforzo realizado ata a data
O Santiago Futsal viaxaba onte a casa dun Manzanares FS situado na cuarta praza da clasificación. Os locais chegaban metidos de cheo na loita polo playoff e despois de dúas derrotas consecutivas contra o Real Betis Futsal e Pescados Rubén Burela, os dous primeiros clasificados na competición.
Os composteláns partían cunha vantaxe de 13 puntos sobre o descenso e a só 2 do playoff, o que lles permitía afrontar o encontro coa ilusión de conseguir algo que recompensase todo o esforzo realizado ata a data.
O partido comezou de fronte para os visitantes cun gol de Zequi no minuto 7. A desigualdade foi breve xa que o Manzanares FS empatou aos dous minutos a través de Otero.
Unha vez máis os de Santi Valladares adiantáronse no marcador, esta vez grazas a Alberto Mirás que finalizou un gran pase de Zequi co tacón cando corría o minuto 14.
A partir de aí os locais comezaron a apertar tendo ocasións a través de varias xogadas, unha delas estrelándose no pau despois de que Manu Diz disparase a porta.
Comezou a segunda parte cun 1-2 a favor dos celestes, pero xa no minuto 22 Otero volveu empatar o partido co seu segundo gol.
O Manzanares FS seguía buscando porta, ata que no minuto 29 Alberto Blecua adiantounos por primeira vez no encontro tras unha boa triangulación. A alegría duroulles pouco, xa que Brian volveu igualar o electrónico en menos dun minuto.
O choque colleu intensidade co equipo local tomando a iniciativa, que conseguiu poñer o 4-3 definitivo a falta de só un minuto para o final cun gol de Pablo Mel.
O conxunto galego tentouno ata o final cun tiro de Brian que parou o porteiro a falta de 2 segundos.