A cura termal preséntase como unha terapia complementaria á medicina de cara a tratar o estrés e a ansiedade que produce a dor crónica
Nos centros de saúde os pacientes demandan repetidamente o alivio sintomático da dor que padecen
No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario ourensán de Arnoia acolle esta fin de semana unhas xornadas sobre o tratamento das doenzas crónicas e a promoción do benestar a través da balneoterapia. Pola súa parte, o balneario de Caldelas de Tui centrará as súas sesións no valor terapéutico das augas mineromedicinais para tratar patoloxías respiratorias e dermatolóxicas en nenos e adolescentes. Un grupo de estudantes galegos de Medicina que se están a formar na cura termal coñecerán as indicacións das augas á hora de abordar a estes pacientes.
A coordinadora da Cátedra é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias (Cenlle) e Lobios. Salienta que “a dor crónica é nalgúns casos unha entidade patolóxica en si mesma, xa que o paciente ten que enfrontarse tanto ao prognóstico da súa doenza como ao estrés que produce desenvolver as actividades rutinarias da vida con dor”.
Nos centros de saúde este tipo de pacientes demandan repetidamente o alivio sintomático da dor que padecen. Nesta liña, “as diversas técnicas balneoterapéuticas que se aplican na actualidade axudan a diminuír a dor mecánica e permiten, nos meses posteriores á cura termal, que os enfermos realicen as súas tarefas cotiás con mellor calidade de vida física, ao tempo que se reduce o estrés ou ansiedade derivados de tales síntomas” -manifesta a doutora-. Afirma que “a cura termal non é resolutiva en si mesma, pero contribúe en boa medida á melloría dos pacientes”.
Na atención ás persoas con dor crónica poden intervir diferentes profesionais médicos e sanitarios que axudan a paliar a dor, as crises e a mellorar a calidade de vida destas persoas. É o caso dos médicos de familia, os fisioterapeutas, os psicólogos clínicos e os facultativos expertos en hidroloxía médica.
A doutora destaca “o uso da balneoterapia como terapia paliativa e non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor”. E sinala que “a balneoterapia xa é coñecida por moitos destes pacientes pero aínda é unha gran descoñecida para os médicos, polo que queremos incidir nos beneficios que se obteñen ao recibir unha cura balnearia, non dende un punto de vista etiolóxico, pero si axudando a mellorar e a corrixir algúns dos efectos adversos derivados dunha rutina diaria con dor”.
Tratamento de nenos e adolescentes con problemas respiratorios e da pel
O doutor Elías Festa Cayuela, director médico de Caldelas de Tui, explica que as patoloxías de tipo respiratorio máis habituais que adoitan tratarse nos balnearios no caso dos nenos son a rinite alérxica, a asma infantil e a bronquiolite. “Despois do primeiro tratamento termal apréciase unha gran melloría nos pequenos, co que se consegue reducir a súa asistencia continuada aos servizos de urxencias médicas, ao tempo que se facilita o seu proceso de maduración” -asegura-.
Os expertos médicos indican que, para que os tratamentos termais sexan eficaces de cara a combater este tipo de patoloxías respiratorias, cómpre unha sesión diaria durante 9 días. En cada unha destas sesións aplícanse varios tratamentos en función da doenza e das características do paciente. O tipo de augas que se empregan para abordar as enfermidades do aparato respiratorio son as sulfuradas e as clorudadas, que se aplican a través dunha serie de técnicas, en particular inhalacións, aerosois e duchas nasais.
En relación aos problemas na pel, lógrase mellorar a calidade de vida dos menores afectados por dermatite atópica ou psoríase. Evítase así o abuso do tratamento farmacolóxico con corticoides, un medicamento con fortes efectos secundarios pouco recomendables na etapa de crecemento infantil.