miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Feijóo: "Os galegos non queremos que nos impoñan unha lingua cando temos dúas"

Feijóo: "Os galegos non queremos que nos impoñan unha lingua cando temos dúas"
Feijóo: "Os galegos non queremos que nos impoñan unha lingua cando temos dúas"

"O problema é tentar coller outra vez o idioma como unha arma arreboladiza, non conten connosco. Os galegos non queremos que nos impoñan unha lingua cando temos dúas", defendeu o presidente galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu este mércores aos partidos que non convertan a lingua nun motivo de confrontación e asegurou que os galegos non queren que se lles impoña unha lingua determinada cando teñen dúas.

Durante a sesión de control no Parlamento galego, Núñez Feijóo asegurou, a preguntas do PSdeG e do BNG sobre a axenda "recentralizadora" do PP de Pablo Casado en cuestións como a lingua, entre outras, que en Galicia seguirán en vigor as leis actuais.

"O problema é tentar coller outra vez o idioma como unha arma arreboladiza, non conten connosco. Os galegos non queremos que nos impoñan unha lingua cando temos dúas", defendeu o presidente galego en resposta á portavoz do BNG, Ana Pontón.

Ademais, nunha resposta posterior ao portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reiterou que a política lingüística que vai seguir en vigor en Galicia é "a aprobada polo Goberno (galego) e o Parlamento (autonómico)".

"Fálame dunha lei que non existe", díxolle ao deputado socialista sobre a proposta de Pablo Casado sobre linguas e función pública en comunidades bilingües, e recomendou a ambos portavoces que utilicen as "declaracións enteiras dos partidos", xa que, segundo defendeu, o líder do PP "dixo que o modelo de Galicia é o exemplo nas comunidades bilingües".

Ademais, o presidente galego, cuestionado pola ampliación de competencias proposta polo PSdeG sinalou que recentemente escribiu á ministra de Economía, Nadia Calviño, para que ingrese a Galicia 170 millóns de euros -comprometidos nos orzamentos de 2018 en dúas anualidades- e tamén para que lle permita gastar "en sanidade" os 125 millóns de euros de "superávit" cos que pechou o ano.

"Iso é autogoberno, o resto son discursos", asegurou Núñez Feijóo, que reprochou ao portavoz socialista que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, visitase todas as Comunidades Autónomas no exercicio do seu cargo menos Galicia, á que unicamente veu esta semana coas eleccións xa convocadas e a un acto de partido, polo que interpreta que o autogoberno galego a Sánchez interésalle pouco.

Fernández Leiceaga reprendeu a Núñez Feijóo por responder con "anécdotas" aos temas serios expostos, como a pretendida recentralización de competencias impulsada polo líder do PP.

"Aínda que di que non é evidente para todos, tamén para vostede, que flota no ambiente conservador en España unha pulsión recentralizadora a partir da visión falsa do resultado do estado das autonomías, que é un éxito rotundo (...) A axenda de VOX está carcomendo a axenda dos partidos conservadores en España e estamos preocupados porque vostede adopta como instrumento o silencio, ponse de perfil", asegurou o deputado socialista.

Ana Pontón, máis centrada no tema da lingua, condenou que Pablo Casado, "fiel herdeiro da caverna de Aznar", tendese "a ousadía de dicir que hai que prescindir do galego para un emprego público en Galicia".

O mesmo dirixente, lembrou, que días antes "explicaba ás mulleres o que era estar embarazada".

Pontón reprochou a Núñez Feijóo protagonizar "un dos momentos máis tristes deste país" a conta de "a patraña da imposición do galego para lograr un puñado de votos", polo que lle pediu que "non repita ese episodio".

Núñez Feijóo considerou "un sarcasmo" e "unha broma" que unha deputada que se aliou electoralmente con "HB Bildu e ERC" dea "leccións de extremismo".

En calquera caso, insistiu en que Galicia é "rica" desde o punto de vista lingüístico, xa que ten dúas linguas e sinalou que "o galego en Galicia só é un problema para quen quere que sexa un problema".

"O noso discurso é o da maioría da xente; bilingüismo cordial e falar cada unha delas como nos dea a gana", dixo Núñez Feijóo, que concluíu: "Acúsannos de recentralizadores, de seguir os designios de Madrid... E outros, como VOX, din que son nacionalista. Mire por onde, os extremos tócanse".

Comentarios
Lo más