Bugallo compromete a ceder unha parcela á asociación Sarela para construir pisos adaptados
Na xuntanza, os membros da entidade trasladaron as súas inquedanzas e necesidades, mentres que Sánchez Bugallo, que recolleu ditas achegas
O candidato socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polos integrantes da súa lista Mila Castro e Gonzalo Muíños, mantivo na tarde de onte unha reunión de traballo con representantes da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela. Na xuntanza, os membros da entidade trasladaron as súas inquedanzas e necesidades, mentres que Sánchez Bugallo, que recolleu ditas achegas, comprometeuse a garantir a pronta atención nos Servizos Sociais municipais para rematar coa espera que existe na actualidade.
Pero, sen dúbida, o principal compromiso do candidato pasa por ceder unha parcela de titularidade municipal na contorna das instalacións da asociación para que a propia Sarela, a través de cooperativistas, constrúa pisos adaptados. Sería, como explicaron os socialistas, unha actuación similar á realizado hai anos con Cogami.
Promover a linguaxe inclusiva en todas as instalacións municipais, así como garantir a accesibilidade nos autobuses e paradas de bus en todo o municipio foron outras dúas iniciativas que Sánchez Bugallo se comprometeu a desenvolver no caso de que reciba a confianza da cidadanía o vindeiro 26 de maio. De feito, asegurou que acadar unha cidade accesible, inclusiva e integradora é un dos seus obxectivos.