Demandan o coidado da Fonte do Mouro, en Boiro
Dende o BNG piden que se fagan as actuacións necesarias para un axeitado mantemento da Fonte do Mouro e a conservación do seu entorno
No lugar da Fonte do Mouro atópase unha fonte que dá nome ao lugar referido. Segundo a formación nacionalista, dita fonte debera ser obxecto de coidado e dun axeitado mantemento. A día de hoxe a fonte do Mouro atópase cun entorno pouco coidado e sen limpar, "cousa que non se pode permitir desde a administración local".
Son numerosas as fontes que se atopan nas diversas parroquias do concello de Boiro. As fontes serven de abastacemento de auga para a veciñanza, polo que "deberían estar en todo momento cun entorno limpo e coidado", aseguran dende o BNG.
Por outro lado, hai que lembrar que moitas destas fontes dispoñen de lavadoiro anexo, que forma parte do patrimonio cultural.
Dende o BNG piden que se fagan as actuacións necesarias para un axeitado mantemento da Fonte do Mouro e a conservación do seu entorno. Ademais, piden que se faga un seguimento de todas as fontes do concello.