O xulgado confirma a sanción da Xunta ao Porto de Vilagarcía por recheos no mar con materiais contaminados
Rexeitouse o recurso interposto pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa contra a Xunta pola sanción que lle impuxo por unha infracción grave en materia de residuos e chans contaminados
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra rexeitou o recurso interposto pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa contra a Xunta pola sanción que lle impuxo por unha infracción grave en materia de residuos e chans contaminados ao realizar un recheo no mar con materiais procedentes de obras ferroviarias. As resolucións impugnadas polo Porto estableceron o importe da sanción na contía de 20.000 euros “de maneira motivada, atendendo á intencionalidade e ao volume da vertedura”, destaca a sentenza.
O maxistrado indica que a resolución do 12 de maio de 2017 da Consellería de Medio Ambiente decidiu deixar en suspenso a obriga de reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como a determinación exacta da maneira na que debería realizarse, ata que se culminen as obras de reparación do peirao adxudicadas en maio de 2015. “Consecuentemente, queda fóra do obxecto deste preito a determinación da posibilidade ou non de executar a devandita reposición dos terreos, así como da mellor maneira para poder facelo. A Xunta haberá de ditar no futuro unha nova resolución sobre esta concreta cuestión e se o Porto discrepa do seu contido poderá impugnala nun novo proceso”, sinala o xuíz.
O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra destaca que a proba practicada no xuízo acreditou “de maneira suficiente” que os materiais vertidos ao mar pola Autoridade Portuaria incluían, ademais de terra, material asfáltico contaminante. Ademais, salienta que demostrou que a actividade realizada con eses materiais na súa vertedura ao mar merecía a cualificación de “obra maior” debido ao seu gran volume. “Considérese, para comprender as súas dimensións, que o vaso dunha piscina olímpica ten un volume de 2.500 m3. Para esta obra portuaria vertéronse ao mar uns 7.000 m3 de materiais, o tamaño de case tres piscinas olímpicas superpostas”, recalca o maxistrado na sentenza, na que indica que, “a pesar da súa entidade e da súa máis que posible repercusión ambiental (recheos nun espazo mariño constrinxido polas características dunha ría con alto valor pesqueiro, marisqueiro e paisaxístico), a Autoridade Portuaria recoñeceu ao longo do xuízo que nin sequera se redactou un proxecto técnico da obra nin se realizou ningún trámite ambiental”.