Máis de 20 empresa presentan ofertas para as obras da mellora o Camiño Francés no Monte do Gozo
O orzamento estimado desta nova intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ascende a preto de 840.000 euros
Un total de 21 empresas presentan as súas ofertas para realizar as obras do proxecto de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago á cidade, no ámbito do Camiño Francés, no Monte do Gozo.
O orzamento estimado desta nova intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ascende a preto de 840.000 euros.
Esta primeira actuación no Camiño Francés enmárcase na estratexia da Xunta para optimizar as entradas na capital de Galicia das diferentes rutas xacobeas. O obxectivo é conseguir que no vindeiro Ano Santo do 2021 o Camiño sexa claramente identificable nas zonas urbanas de Compostela, favorecendo o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado, así como a posta en valor e desfrute dos espazos polos que transcorre.
Esta intervención no Camiño Francés, ao seu paso polo Monte do Gozo, céntrase na reordenación da contorna ata o paso da estrada N-634 sobre a autoestrada AP-9, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos no tramo coñecido coma rúa do Gozo.
As principais actuacións previstas no alto do Monte de Gozo comezan coa intervención no treito inicial, que coincide coa zona da capela de San Marcos, onde se creará unha nova praza na fronte da capela, que terá árbores de especies autóctonas e a que se dotará de iluminación para destacar puntos singulares como a entrada do adro.
A senda de baixada para o peregrino partirá do adro da capela de San Marcos, atravesará a carballeira existente e continuará o seu trazado en paralelo á calzada actual e separada desta por unha zona verde. A medida que o camiño descende garantirase unha anchura mínima da pista natural de 3 metros. Xa no núcleo de San Marcos, a partir do cruzamento coa rúa do Gozo, executarase unha plataforma continua de formigón que permitirá a convivencia de veciños, peregrinos e vehículos e coidando especialmente a zona fronte ás vivendas.
O tramo final deste ámbito resolverase mediante unha pasarela de percorrido accesible que conectará este punto da rúa do Gozo coa N-634 e o seu paso sobre a AP-9, eliminando as actuais escaleiras. Cabe salientar ademais que no tramo da actuación unicamente se permitirá o tráfico de subida cara ao Monte do Gozo.